Santiago, 15 de outubro de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que “so 5 das 48 resolucións aprobadas no Debate sobre o Estado da Autonomía foron apoiadas unicamente polo PPdeG” e lamentou que BNG e PSdeG “se puxeran de acordo en opoñerse a medidas como a redución de impostos, a mellora da xestión da auga, o fomento da lingua galega, a reforma da atención primaria sanitaria ou a política forestal”.
Pedro Puy amosou a “satisfacción” polo desenvolvemento e o resultado final do Debate sobre o Estado da Autonomía, no que se aprobaron 9 resolucións de xeito unánime, superando as 5 que contaron co oposición conxunta de BNG e PSdeG”. En concreto, sinalou que catro propostas presentadas polo Grupo Popular saíron adiante por unanimidade (carreira investigadores, orzamentos do Estado en Galicia para infraestruturas, emprego e loita contra a violencia de xénero), así como outras cinco do Grupo Socialista, ben directamente ou a través de transaccións co Grupo Popular (modernización do sector público, plan integral contra a violencia machista, dereitos LGTBI, dinamización do medio rural e estatuto da muller rural).
DEFENSA DAS INSTITUCIÓNS GALEGAS
“Quedou demostrada a vontade do Grupo Popular por chegar a acordos cos grupos da oposición, xa que ofrecémoslle ao BNG 23 propostas de acordo, rexeitándoas todas; e outras 28 propostas de transacción ao PSdeG, que finalmente nos aceptaron 7, ademais doutras dúas que votamos directamente”.
O portavoz popular subliñou, ademais, que “conseguiuse unha ampla maioría en defensa das nosas institucións e proxectos estratéxicos para Galicia, quedando illado o BNG na defensa das súas propostas radicais e intervencionistas”, como a intervención de todas as industrias estratéxicas, a anulación das “prorrogas ilegais” da AP-9, a creación dunha policía galega que substitúa á Policía Nacional e a Garda Civil, a consideración da democracia española como unha democracia de baixa calidade, a apertura de delegacións da Xunta no estranxeiro ou a reforma do mercado laboral.
Pola contra, o BNG quedouse so na súa oposición a defender a Constitución e o Estatuto de Autonomía no seu 40º aniversario, así como ao independentismo e a violencia; á cooperación institucional e ao financiamento local; á fábrica de fibras téxtiles; á solicitude dun novo sistema de financiamento autonómico; ou ao impulso da innovación na cultura galega.
Respecto do PSdeG, Pedro Puy criticou que se opuxera “a práctica totalidade das reivindicacións ao Goberno central”. Así, votou en contra da fixación dunha data para a chegada do AVE a Galicia, da ampliación do Fondo Covid para 2022, do apoio do Estado á celebración do Xacobeo, de axilizar o proceso das transferencias priorizadas pola Xunta, da reforma da factura eléctrica, da eliminación das taxas de reposición ou do financiamento do 50 por cento da dependencia a cargo do Goberno de España.
ACERTO CON MIGUEL CORGOS
Por outra banda, Puy considerou “un acerto” a designación de Miguel Corgos como novo conselleiro de Facenda en substitución do falecido Valeriano Martínez, xa que “leva traballando cos orzamentos da Xunta desde o primeiro momento en que se nomeou a Feijóo Presidente da Xunta en 2009”. “Poucas persoas coñecen tan polo miúdo como el a elaboración e tramitación dos orzamentos da Xunta”, apuntou.
Así mesmo, o portavoz popular salientou o coñecemento de Miguel Corgos sobre os fondos de cohesión ou os Next Generation, así como dos traballos que se están a desenvolver para a posta en marcha dun novo modelo de financiamento autonómico, polo que estes antecedentes permiten avanzar que a política neste departamento “será de continuidade do labor que xa viña desenvolvemento Valeriano Martínez”.