Santiago, 19 de outubro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que censure diante da Unión Europea o comportamento do Goberno de Noruega sobre a flota bacallaeira, así como para esixirlle que se adopten medidas equivalentes de sanción fronte ao recorte unilateral de disposición de cotas de pesca de bacallau.
A portavoz popular de Pesca, Teresa Egerique, explicou que “a proximidade xeográfica coa Unión Europea e o feito de que Noruega non alcanzase acordo de pesca co Reino Unido tras o Brexit son as dúas potenciais razóns que parecen motivar a actitude desafiante do país nórdico”. Neste sentido, apuntou que “recentemente Noruega atribúese de forma unilateral, xunto con Feroe, unha cota de cabala moi por encima do establecido no acordo coa Unión Europea, ao tempo que recorta a cota de bacallau ártico dos buques da UE que acceden ás augas de Svalbard”.
MENSAXE CLARA
“España, xunto a Portugal, Alemaña e Francia, puxeron o berro no ceo e urxen xa a Bruxelas que lance unha mensaxe clara ao país nórdico para que cese nas súas pretensións de romper cun acordo que se basea no Pacto de París sobre a soberanía do arquipélago, asinado en 1920”, sinalou Egerique, quen concretou que os catro ministros de Pesca destes países europeos enviaron unha misiva ao comisario de Pesca, alertando dos incidentes que terán lugar en alta mar entre pesqueiros comunitarios e as autoridades norueguesas.
Teresa Egerique afirmou que “Noruega alega razóns ambientais, de control pesqueiro e de soberanía para xustificar as súas decisións ao redor de Svalbard, pero detrás, as empresas pesqueiras afectadas, consideran que os seus razoamentos caen polo seu propio peso cando é a propia Noruega a que esquilma o caladoiro coa pesca ilimitada do bacallau Skrei e a caza de focas e baleas”.
“A importancia da flota bacallaeira é capital en Vigo e a súa área, xerando máis de 200 empregos e un negocio de case 20 millóns de euros, que están a sufrir unha grave ameaza, ademais dun trato discriminatorio e non xustificado”, manifestou.