Santiago, 21 de outubro de 2021.- O Parlamento de Galicia demandou hoxe á Xunta de Galicia, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, que, na medida que se normalice a situación sanitaria, se reactiven as unidades móbiles que levan ata a porta das persoas maiores que viven no rural galego servizos gratuítos como o de oftalmoloxía, podoloxía ou atención ao alzhéimer, co fin de facerlles a vida máis doada sen ter que desprazarse fóra da contorna.
O portavoz popular de Asuntos Sociais, Alberto Pazos, lembrou que o Goberno galego puxo en marcha en 2019 o programa de coidados porta a porta deseñado para achegar ao medio rural os servizos sociais de proximidade. A través desta iniciativa, máis de 2.100 persoas de 20 concellos rurais gozaron de servizos de oftalmoloxía, podoloxía, prevención de alzheimer e outros servizos de apoio persoal e asesoramento en diversas cuestións relacionadas coa economía familiar.
MELLORAR A PRESTACIÓN DE SERVIZOS
“O obxectivo da Xunta para 2020 era estender este programa ata 200 concellos do rural galego, pero a pandemia do Covid-19 obrigou a suspendelo para evitar contaxios indesexados entre os usuarios”, sinalou Alberto Pazos.
Neste momento, superada a fase aguda da pandemia e nun novo contexto sanitario, o portavoz popular manifestou considerou “acaído recuperar o programa de coidados porta a porta para continuar mellorando progresivamente a prestación de servizos aos maiores do rural galego, un paso máis no compromiso do Goberno galego de facer do rural un lugar máis amable e máis agarimoso cos nosos maiores”.