Santiago, 22 de outubro de 2021.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro, afirmou hoxe no Parlamento que a Xunta “continuará atendendo as necesidades do IES Manuel Murguía de Arteixo para garantir a correcta funcionalidade das súas instalacións”.
Así, criticou que os socialistas galegos “esaxeren a situación deste centro de ensino, chegando ao punto de confundir a propósito fendas no edificio coas xuntas de dilatación”.
Ovidio Rodeiro salientou que “falamos dun centro moi activo en múltiples programas educativos, converténdose nunha referencia do sistema educativo galego”. “Neste centro pode haber cuestións mellorables pola antigüidade dos seus edificios, pero neste momento non se consideran urxentes e a Consellería mantense vixiante para arranxar as posibles deficiencias que aparezan ou se notifiquen”, apuntou.
Por este motivo, o portavoz popular criticou que o PSdeG “esaxere premeditadamente a situación deste centro de ensino para trasladar ao Parlamento galego unha situación de alarma”. En concreto, sinalou que “pide unha actuación urxente para este IES cando se vén de poñer a disposición da comunidade educativa máis de 100 metros cadrados de infraestrutura, recuperando a casa do conserxe, cun investimento de 48.000 euros, e están contratadas melloras nos alicatados e entradas puntuais de auga por outros 16.000 euros”.
“O PSdeG pretende fixar a idea de abandono da Xunta ao ensino en Arteixo, que sabe que non é real porque vén de investir nos últimos anos 5,2 millóns de euros en infraestruturas educativas neste concello”, rematou.