Santiago, 22 de outubro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a promover a contratación colectiva de seguros agrarios na viña a través da Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia. “O seguro é capaz de proporcionar o que a natureza lle quita ao agricultor: medios para manterse en activo e evitar o endebedamento”, manifestou a portavoz popular de Medio Rural, Elena Candia.
En Galicia subscribíronse en 2019 case 50.000 pólizas de seguros agrarios, entre as que salientan as contratacións para dar cobertura ao gando vacún de leite, con máis de 400.000 animais amparados e un capital asegurado que superou os 516 millóns de euros.
Porén, e a pesar de que a Xunta incrementou no 2021 nun 20 por cento as axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios, “non se logrou implicar nin concienciar aos agricultores galegos da necesidade de adquirir estes seguros”, sinalou Elena Candia.
DEBILIDADE ESTRUTURAL
“O obxectivos desta proposición non de lei é insistir na promoción da contratación colectiva de seguros agrarios na viña, porque entendemos que as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas son claves para a economía de determinadas zonas rurais galegas”, explicou.
Neste sentido, engadiu que “as nosas explotacións agrarias presentan unha debilidade estrutural fronte ao resto de sectores produtivos polas incertezas que repercuten negativamente na súa xestión e viabilidade, destacando especialmente a posibilidade de destrución das súas colleitas por sinistros meteorolóxicos non controlables, que tenden a aumentar a medida que evoluciona o cambio climático”.