Santiago, 26 de outubro de 2021.- A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Marisol Díaz Mouteira, criticou hoxe o “cinismo insoportable” dos socialistas galegos defendendo a irresponsable xestión da Confederación Hidrográfica Miño-Sil no inxustificado baleirado dos encoros realizado este verán “cando a propia ministra de Transición Ecolóxica asumiu a súa competencia e recoñeceu que, coa normativa estatal de augas na man, se puido evitar que os encoros galegos quedaran case en secano”.
Marisol Díaz Mouteira lembrou que “o único responsable na drástica e anormal baixada do nivel dos encoros de Belesar, Portas, Cenza e Salas é a Demarcación Hidrográfica Miño-Sil” e lamentou que os socialistas galegos “pretendan ir máis aló derivando o tema cara outras cuestións de marcado carácter medioambiental”.
EXPEDIENTES SANCIONADORES
Neste sentido, lembrou que, ademais do recoñecemento directo da súa responsabilidade por parte do Goberno central, a Comisión Europea confirmou no día de onte que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil “é a principal responsable de establecer as condicións necesarias para o permiso en relación co funcionamento dos embalses e a supervisión do cumprimento da normativa”.
“A Xunta vixiou estreitamente desde o primeiro momento a evolución dos niveis de ocupación destas encoros responsabilidade da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil, ao considerar a situación como moi preocupante, alarmante e intolerable”, sinalou a portavoz popular. Deste xeito, o Goberno galego adoptou medidas e abriu expedientes sancionadores, tanto ás empresas concesionarias como á Confederación Hidrográfica, que avanzan na súa tramitación administrativa.
Díaz Mouteira sinalou que “a obriga de comunicación dos órganos de conca aos servizos de Patrimonio Natural é fundamental para a toma das medidas precautorias que correspondan en cada caso”, polo que considerou necesario “reforzar a coordinación entre administracións de cara á adopción de medidas precautorias de acordo coa normativa existente para evitar este tipo de situacións”.