Santiago, 26 de outubro de 2021.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Diego Calvo, criticou hoxe no Parlamento galego o “oportunismo cansino e repetitivo” do BNG ao elevar ao Pleno cuestións que “nin dependen de nós nin son como vostedes as contan aquí, tratando unha vez máis de enganar e tomar por tontos aos galegos”.
Fixo estas afirmacións no debate plantexado polos nacionalistas para reprobar aos gobernos que ampliaron as concesións das prórrogas da AP-9, fórmula empregada tanto por UCD como polo PP e polo PSOE en momentos puntuais como foron a implantación da gratuidade nalgúns tramos ou a ampliación da vía rápida ata Tui e Ferrol, neste último caso libre de peaxe. “Non sei se lembran vostedes que Ferrol estaba naquel momento incomunicada despois da rotura da ponte das Pías, cunha autopista que remataba en Fene e que foi decisión dun Consello de Ministros darlle continuidade para axudar a unha comarca en claro declive económico”, explicou Calvo.
DOBRE VARA DE MEDIR
Con respecto á actitude do BNG, o deputado popular aludiu ao seu silencio cando a Xunta do bipartito pagou “con cartos dos galegos” a liberación das peaxes na Barcala ou Rande, ou cando o Consello Consultivo de Galicia declarou “nulos de pleno dereito” os incrementos das peaxes aplicadas polos gobernos socialistas.
Por iso, e ante esta “dobre vara de medir que xa non engana a ninguén”, o voceiro de Infraestruturas cualificou a proposta do BNG de “moi enganosa, demagóxica e precipitada”, pois pretende erixirse en “xuíz e parte” e condenar a uns gobernos por supostas prácticas ilícitas cando “nin sequera a Unión Europea se pronunciou de xeito definitivo e cando o Goberno Central está aínda en prazo de formular alegacións ao respecto”.
Neste senso, lembrou que se abriu un procedemento por parte da Comisión Europea para cuestionar se a forma en que se concederon as prórrogas axústase ao dereito europeo, algo que, segundo o popular, deben decidir as autoridades competentes e non o Parlamento de Galicia.
“En lugar de vir aquí con este asunto, buscando titulares efectistas con argumentos falsos e con cantos de serea anunciando unha posible recuperación dos cartos das peaxes, que saben que sería tremendamente complicado, farían vostedes mellor en facer valer o seu apoio ao Goberno de Pedro Sánchez en cuestións máis importantes para os galegos”, apuntou Diego Calvo, que reclamou ao BNG un pronunciamento serio no relativo á transferencia da AP-9 a Galicia.
SILENCIO A CAMBIO DE SILLÓNS
“Pídanlles aos seus socios que retiren as emendas presentadas no Congreso contra a transferencia da autopista”, espetou o portavoz popular, á vez que afeou aos nacionalistas que calen ante as decisións dos socialistas que tanto prexudican aos galegos, porque “prefiren amarrar os sillóns que lles deixan ocupar a cambio do seu apoio en concellos e deputacións provinciais onde o Partido Popular foi o partido máis votado e, en cambio, gobernan vostedes”.
Facendo un repaso ás cuestións pendentes, Calvo tamén se referiu ao reparto dos fondos da Unión Europea, que claramente discriminan a Galicia “ante un novo silencio por parte dos nacionalistas cando se pechan empresas por culpa das pésimas e erradas políticas enerxéticas postas en marcha polo Goberno central”.
“Se de verdade queren facer política seria e defender Galicia e os intereses dos galegos, fáganse valer e reclamen un trato xusto ás nosas industrias. Pidan que se baixen dunha vez as peaxes nas estradas estatais, reclamen que o Goberno apoie o Pacto de Estado por Ferrol impulsado pola Xunta, deixen de xuntarse con ERC e Bildu e póñanse dunha vez do lado dos galegos”, insistiu o deputado popular, que se confesou “canso” de ver como os membros do BNG “queren tratar por tontos aos cidadáns mentindo e vendendo falsos titulares de prensa que só responden ao seu oportunismo político”.