Santiago, 26 de outubro de 2021.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, asegurou hoxe no Parlamento galego que a xestión do transporte sanitario en Galicia “é un modelo de éxito, froito de moitos anos de traballo e de esforzo continuado, que ten contrastado un bo funcionamento, con garantías de calidade e que está en permanente revisión e supervisión para que continúe a dar un servizo de calidade aos usuarios que o precisen”.
Encarna Amigo lembrou que a Xunta adxudicou ao longo do presente ano 2021 os sete contratos de transporte sanitario de cada unha das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde. “Como resultado destas licitacións, este servizo experimentou en Galicia unha importante mellora respecto da situación anterior incrementándose o número de vehículos, así como as súas características e dotacións”, concretou.
CUMPRIMENTO DO CONTRATO
“Unha das melloras máis salientables foi o incremento das dispoñibilidades horarias en todas as áreas sanitarias, tanto no número de vehículos como de persoal, coa finalidade de contar cunha maior cobertura asistencial”, apuntou Encarna Amigo.
Ademais, afirmou que para asegurar o cumprimento do esixido no contrato, desde o Sergas “estase a facer un seguimento dos vehículos, material, persoal e actuacións mediante o programa informático do transporte sanitario non urxente”.
“Consecuencia deste alto nivel de esixencia e da estreita supervisión son as boas valoracións acadadas na enquisa de satisfacción dos usuarios deste servizo de transporte: o 93 por cento dos usuarios manifestan unha satisfacción global coas unidades de soporte vital básico, porcentaxe que se incrementa ata o 94,5 por cento cando son atendidos por unha unidade de soporte vital avanzado”, afirmou.