Santiago, 5 de novembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á xunta a promover a difusión e coñecemento do Banco de Explotacións Agrarias entre os seus posibles beneficiarios, en concreto os actuais titulares próximos á xubilación e que non contan con relevo, así como os posibles futuros beneficiarios de explotacións.
A portavoz popular do Medio Rural, Elena Candia, lembrou que un dos instrumentos que integra a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia é o Banco de Explotacións. Este organismo ten como obxectivo facer fronte á demanda de base territorial, tanto de carácter cuantitativo como cualitativo, existente por parte das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, así como á problemática materializada no despoboamento localizado nalgunhas zonas do territorio galego.
Este instrumento facilita a posta en contacto entre titulares de explotacións que, voluntaria ou forzosamente, abandonan a actividade e as persoas interesadas en incorporarse a ela, co obxectivo de garantir a continuidade das explotacións e loitar contra o seu desmantelamento e abandono das terras que as conforman.