Santiago, 9 de novembro de 2021.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos salientou hoxe no Parlamento galego que Galicia é a segunda comunidade autónoma española con menor ratio de persoas falecidas por Covid-19 nas residencias de maiores galegas. Deste xeito, criticou “a teima de BNG e PSdeG en obviar os datos que se coñecen e que acreditan que en Galicia fixéronse as cousas mellor, as residencias funcionaron mellor e evitáronse máis mortes que na maioría das comunidades autónomas”.
?️En Galicia as cousas se fixeron mellor,é un mérito de todos,datos comparativos do Goberno de España acreditan que foi a 2ª CCAA con menor ratio de falecementos en residencias,temos dereito a sentirnos orgullosos do traballo dos expertos e os profesionais @pazos_alberto pic.twitter.com/jEiToW8VYb
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) November 9, 2021
“Insisten en traer a debate no Parlamento cuestións sobre as que xa teñen resposta e que están solucionadas ou en proceso de solución”, lamentou o deputado popular, quen lembrou que “xa se están a facer dous estudos sobre o que aconteceu nas residencias de maiores durante a pandemia: un a cargo da Universidade de Santiago e outro polo Goberno central, por encargo expreso do Congreso”. Ademais, indicou que “xa se fixeron públicos os datos desagregados de afectación do coronavirus nas residencias e se ten anunciado a presentación neste Parlamento do novo modelo de residencias”.
CONTINUAR MELLORANDO
Neste sentido, Alberto Pazos salientou que, segundo datos do Imserso, Galicia foi a segunda comunidade autónoma española con menor ratio de falecementos por Covid-19 por usuarios nas residencias de maiores, só superada por Canarias; ao tempo que Galicia foi tamén a segunda comunidade con menor incremento da mortalidade durante 2020, segundo os datos do Instituto Carlos III.
O deputado popular avogou por “centrarnos en como continuamos mellorando os servicios sociosanitarios, a sanidade, o ensino ou o emprego en Galicia, algo que non encaixa no inxusto estereotipo da Galicia profunda, que tanto dou que falar recentemente, pero que recorda moito ao que levamos escoitando desde hai 12 anos por parte dos grupos da oposición”.
“O actual Goberno galego e o PPdeG continuaremos centrados en mellorar esa Galicia real da que estamos orgullosos, namentres uns se centran en resolver os seus eternos problemas internos e os outros se reúnen en moderado cónclave para decidir cal é o traxe que teñen que vestir os galegos”, manifestou. E rematou cualificando de “esquerda pret a portet que quere que Galicia se adapte aos patróns que lles queren impoñer, mentres o PPdeG vai seguir escoitando aos galegos para confeccionar un traxe ao seu gusto”.