Santiago, 9 de novembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central a activar con urxencia as medidas pendentes en favor da industria electrointensiva para garantir a súa viabilidade presente e futura, así como proceder á intervención pública da factoría de Alcoa en San Cibrao, inicialmente de forma transitoria a través da SEPI, coa fin de asegurar o emprego e a actividade industrial, e facilitar a súa posterior venda a un inversor privado que garanta un proxecto industrial viable.
A viceportavoz popular, Elena Candia, manifestou que “a industria electrointensiva, onde a enerxía supón un 60 por cento dos custos da produción, é unha das máis afectadas polo incremento da luz que estamos a sufrir froito dunha política enerxética resultado de decisións improvisadas e equivocadas do Goberno central”.
IMPORTANCIA DO SECTOR ELECTROINTENSIVO
Ademais, salientou a importancia do sector electrointensivo na economía de Galicia, xa que representa un 5,7 por cento do valor engadido bruto e case a metade do sector industrial galego, xerando milleiros de emprego.
A proposición non de lei aprobada hoxe demanda ao Goberno central incrementar o orzamento ata os 450 millóns de euros destinado ás subvencións relativas ao mecanismo de compensación de custos de emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro; activar o fondo español de reserva para garantías de entidades electrointensivas para a cobertura dos riscos derivados de operacións de compravenda a medio e longo prazo de subministración de enerxía eléctrica; a convocatoria de modo inmediato das poxas de electricidade de orixe renovable; e establecer mecanismos de xestión da demanda que permitan ofrecer flexibilidade ao sistema eléctrico e que sirva para reducir o custo eléctrico final.