Santiago, 11 de novembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o voto favorable de BNG e PSdeG, a través da que se solicita que a Xunta poña en marcha servizos de conciliación en contornas laborais, contando coa implicación do tecido empresarial e cos concellos, co fin de facilitar a conciliación familiar e laboral.
O deputado popular Alberto Pazos lembrou que “un dos obxectivos clave do Goberno galego para afrontar o reto demográfico é converter a Galicia no mellor lugar para nacer, para ser neno e para formar unha familia”, polo que “un elemento clave para acadar ese obxectivo pasa por mellorar de maneira significativa os recursos dedicados á conciliación familiar”.
SEN AUTOCOMPLACENCIA
Deste xeito, destacou que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en aprobar unha Lei de impulso demográfico ou de implementar a gratuidade da escola infantil para a totalidade dos nenos galegos; e se implementou a Tarxeta Benvida, o Bono concilia ou o Bono coidado.
“Pero na loita contra o problema demográfico non cabe a autocomplacencia nin a conformidade, e por iso o Goberno galego traballa de maneira constante para mellorar as medidas de conciliación, tanto nas contornas urbanas como no rural”, sinalou o deputado popular, quen salientou que nos orzamentos da Xunta para 2022 se prevé un investimento mínimo de 168,3 millóns de euros para políticas de apoio á familia, a infancia e a dinamización demográfica.