Santiago, 25 de novembro de 2021.- O portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Adrián Pardo, pediu hoxe no Parlamento galego a BNG e PSdeG que “pensen nunha mocidade galega en grande; que ten que ser libre, sen imposicións ideolóxicas; con garantías para novas oportunidades; e que non quere rachar con nada, senón que quere construír entre todos unha Galicia mellor”.
“Para o BNG, a única mocidade comprometida é a que segue o credo independentista, porque queren unha mocidade dominada polo pensamento único”, sinalou Adrián Pardo, quen engadiu que “pretenden facer crer que á mocidade galega do século XXI ten que ser como a do século XIX, que é o século onde o BNG quedou afincado no seu discurso”.
XERACIÓN PREPARADA
Fronte a este pensamento nacionalista, o portavoz popular asegurou que “somos unha xeración preparada, que está a ser o presente de Galicia e que será a construtora do seu futuro; unha xeración solidaria, como se puido ver durante a pandemia; e, sobre todo, unha xeración libre, que non vai permitir que o BNG lle diga en que asociacións se pode ou non participar”.
Na súa intervención, Adrián Pardo lamentou que o BNG “veña ao Parlamento galego a falar de forma negativa do tecido asociativo xuvenil en Galicia, o que demostra que non coñece a fortaleza da nosa autonomía neste ámbito”.
Salientou que “as políticas públicas en materia de xuventude da Xunta levan sendo pioneiras desde hai moitos anos”, e referiuse en concreto ao programa Iniciativa Xove, que favorece a posta en marcha de ideas e proxectos xuvenís; ou o Plan estratéxico de xuventude, froito dun proceso aberto e participativo á mocidade galega.
TRABALLAR CON FEITOS
“Pero a mellor forma de traballar pola xuventude é a través dos feitos, como a expedición de forma gratuíta do Carné Xove; o autobús gratis para todos os menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova; as axudas económicas para a obtención do carné de conducir; ou o programa de voluntariado xacobeo, que canaliza as ganas de sumar ao maior acontecemento dos últimos anos”, manifestou.
Neste sentido, Adrián Pardo afirmou que “unha inmensa maioría da mocidade galega pensa máis en sumar e gozar dun acontecemento histórico como é o Xacobeo, fronte aos que prefiren rachar con este gran evento para tratar de meter a toda a mocidade nesa burbulla antitodo do independentismo galego”.