Santiago, 3 de decembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio de nacionalistas e socialistas, a través da que se insta ao Goberno de España a elaborar un novo anteproxecto de Lei de Patrimonio Histórico Español dialogado, adecuado á lexislación vixente nas comunidades autónomas e a nivel internacional, e que atenda á realidade patrimonial existente en Galicia.
Este anteproxecto “parécenos unha proposta obsoleta, que obvia o acceso ao patrimonio; carece dunha visión integradora da conservación e posta en valor dos bens; que non atende ao papel do patrimonio na sociedade actual; cheo de erros, indefinicións e contradicións; e un texto que nos retrotrae a un proceso de centralización case predemocrático e xa superado en tempos pasados”, sinalou o deputado popular José Luís Ferro.
Na súa intervención, Ferro manifestou que “Galicia está en contra do anteproxecto de reforma da Lei do patrimonio histórico elaborado polo Goberno central porque invade as competencias das comunidades autónomas e trata de recuperar para a Administración Xeral do Estado funcións que non é capaz de facer no día a día; e impón ríxidos trámites burocráticos que dificultan a xestión do patrimonio e empeoran a situación da cidadanía”.
“Desde o primeiro momento, a Xunta considerou que a proposta realizada polo Goberno central se sostiña sobre criterios e análises anacrónicos e desfasados temporalmente; que invadían claramente o ámbito competencial e as relacións de lexítima confianza e colaboración entre as administracións públicas; e se incluían definicións e concrecións nos estándares de protección”, manifestou o deputado popular.
Diante desta situación, a Xunta xa presentou as súas alegacións en tempo e forma “para lograr que os obxectivos da reforma coincidan caos necesidades reais do rico patrimonio cultural que atesoramos en Galicia”, dixo Ferro. Ademais, lembrou que o propio Ministerio de Cultura “entendeu as eivas do texto e xa anunciou que realizará unha revisión a fondo do anteproxecto de Lei de Patrimonio”.
LEI DE PATRIMONIO CULTURAL GALEGA E PLAN DE ARQUIVOS
José Luís Ferro salientou que a Lei de patrimonio cultural de Galicia “foi elaborada contando cos actores implicados; expresou a vontade de diálogo para acadar unha norma co maior consenso posible; e naceu coa intención de eliminar indeterminacións e demoras que puideran debilitar na práctica a efectividade das actuacións de conservación e salvagarda do patrimonio cultural galego”.
Neste sentido, lamentou que esta lei “non contara co apoio nin do BNG nin do PSdeG, a pesar de mellorar a xestión administrativa do noso patrimonio, como o demostra o feito de que desde a súa entrada en vigor en 2016 xa se declararon 95 novos bens de interese cultural”.
Por outra banda, o deputado popular afirmou que a Xunta “xa conta cun borrador do Plan de Arquivos, elaborado coa participación activa de profesionais dos distintos arquivos de Galicia e expertos externos; presentado diante do Consello de Arquivos para que os seus integrantes puideran facer achegas aos seu contido; e elaborado coa finalidade de dispoñer dun sistema de arquivos eficiente, eficaz e de referencia”.