Santiago, 9 de decembro de 2021.- O portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento galego que “os funcionarios do Servizo de Inspección da Xunta realizan o seu labor con absoluta honestidade” e criticou que os deputados do BNG “utilicen a súa condición de parlamentarios para atacar a funcionarios públicos, cuxa profesionalidade e bo nome se cuestiona, co único fin de desgastar ao Goberno galego”.
Alberto Pazos explicou que a aplicación indebida de medidas de suxección é en calquera caso unha mala praxe que a Xunta quere minimizar, de xeito radical, no novo modelo de residencias”. Porén, apuntou que “as circunstancias de cada caso determinan se merece sanción administrativa ou penal”.
“Cada irregularidade detectada ou denunciada é investigada, tramitada e, se procede, sancionada”, sinalou o deputado popular, quen engadiu que, “se da inspección se presumen indicios de delito, e só nese caso, se da traslado á Fiscalía ou Xulgado”, como se fixo recentemente no caso das vivendas residencias de Burón na Fonsagrada.
Deste xeito, Pazos lembrou ao BNG que, “da mesma maneira que os funcionarios teñen obriga de denunciar os delitos dos que teñan coñecemento, igual obriga temos os cidadáns respecto dos delitos públicos”, e sinalou que os nacionalistas galegos “levan desde o mes de marzo afirmando que teñen coñecemento de ilícitos penais, pero sen formular denuncia algunha”.