antiago, 13 de decembro de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que os orzamentos da Xunta para 2022, que entre hoxe e mañá rematarán a súa tramitación en Comisión para a súa aprobación definitiva no Pleno da vindeira semana, incorporarán “modificacións importantes como unha nova rebaixa do imposto da renda, a creación da categoría de facultativo especialista en atención primaria, compensacións pola falta ou incremento dos prezos nos materiais das obras públicas, reducións das peaxes autonómicas ou axudas para a compra de vivendas para os menores de 35 anos.
Pedro Puy manifestou que tamén esta semana, máis en concreto o vindeiro venres, está prevista a celebración dunha nova sesión da Comisión de Estudo para abordar a proposta de Galicia diante da reforma do financiamento autonómico, na que se aprobarán as normas de funcionamento e se abrirá un prazo para a presentación das propostas de plan de traballo.
“Acordamos darlle celeridade ao desenvolvemento desta Comisión de Estudo en previsión de que o Goberno central realizara unha primeira proposta de financiamento autonómico, como o que fixo a semana pasada avanzando algún movemento parcial porque so afecta á proposta de habitante axustado”, sinalou. Neste sentido, Puy lembrou análises realizadas desta proposta que indican que Galicia non vai ser unha das comunidades beneficiadas con esta novo financiamento, ante o que botou de menos “un enfoque máis amplo e de conxunto por parte do Goberno central”.
CAMBIOS NOS ORZAMENTOS
Respecto da aprobación dos orzamentos da Xunta para 2022, o portavoz popular salientou a introdución de emendas na súa tramitación parlamentaria que permitirán unha nova rebaixa do imposto do IRPF, “reducindo a presión fiscal fundamentalmente a traballadores de rendas medias e baixas”; a creación da nova categoría de facultativo especialista en atención primaria, co fin de poder captar profesionais e atender así as carencias de persoal, sen impedir que se continúe incorporando persoal coas condicións actualmente vixentes nin afectará aos médicos que prestan xa os seus servizos no SERGAS; ou a introdución de medidas dirixidas a paliar as alteracións extraordinarias e imprevisibles dos prezos dos materiais nos contratos de obra pública, que está a poñer en risco a viabilidade das obras públicas promovidas pola Administración galega, xerando o incumprimento de prazos, incrementando a posibilidade de paralización dos traballos e propiciando o abandono de obras en execución.
Outras das medidas incorporadas a través de emendas é unha redución das peaxes das autoestradas autonómicas, igualando deste xeito o incremento das tarifas que se aplicarán na AP-9; a posta en marcha dunha nova liña de axudas para os mozos menores de 35 anos que adquiran a súa primeira vivenda, a través da que o Goberno galego facilitará a concesión dun aval ou seguro de crédito hipotecario que cubra o 15 por cento do prezo da vivenda, que se sumará ao 80 por cento que xa cubre a entidade financeira; ou a redución a 10 días naturais do prazo de entrega das modificacións orzamentarias da Xunta ao Parlamento, facilitando a inmediatez do control parlamentario
“Esta sendo un proceso parlamentario de aprobación dos orzamentos satisfactorio, no que só podemos facer referencia a un único incidente: a ausencia da presidenta da Deputación de Pontevedra para dar explicacións sobre os orzamentos desta organismo”, sinalou Pedro Puy, quen lamentou que Carmela Silva “se estea acostumando a non dar explicacións en ningún foro e por nada, pero que foi premiada coa Presidencia do PSdeG no seu último congreso”.
Para rematar, Puy dixo que a semana parlamentaria rematará o vindeiro domingo coa celebración dun Pleno extraordinario con motivo do 40 aniversario do Parlamento de Galicia, que “ten desempeñado un papel fundamental no desenvolvemento do autogoberno”. “Cremos que temos moito que celebrar, porque a autonomía é sinónimo en Galicia de desenvolvemento económico, do benestar e dunha sociedade que camiña máis integrada en Europa”, subliñou.