Santiago, 14 de decembro de 2021.- O proxecto de orzamentos da Xunta para 2022 remataron esta mañá a súa tramitación en Comisión co que quedan pendentes do seu debate definitivo na vindeira sesión plenaria para a súa aprobación. O portavoz popular, Pedro Puy, salientou que “son os axeitados á situación que vivimos na actualidade” e lamentou que “BNG e PSdeG propoñan sempre o mesmo, con independencia da situación na que nos atopemos: subir impostos”
Pedro Puy sinalou que a actual crise “demostrou a importancia que ten o sector público e os servizos sociais” e destacou que “Galicia resiste a comparación con outros países tanto en benestar, como en crecemento de rendas e atención sanitaria”.
INCREMENTO DO GASTO SOCIAL
Neste sentido, manifestou que “falar de recortes non se corresponde coa realidade actual, xa que nos orzamentos para o vindeiro ano se confirma o incremento do gasto social que coa pandemia viviu un maior incremento a atención sanitaria, social e a política educativa”.
Respecto das emendas presentadas polos grupos da oposición, Pedro Puy criticou que “sempre nos atopamos coas mesmas, a pesar de que estamos diante dunha situación económica e social nova”. Ademais, apuntou que tanto BNG como o PSdeG optan todos os anos polas subas de impostos (que no caso dos nacionalistas achegaríanse aos 420 millóns de euros e dos socialistas superarían os 200 millóns de euros), tanto do imposto sobre a renda, como de sucesións ou na taxa fiscal sobre o xogo, “que afectarían especialmente ás rendas medias e baixas”.