Santiago, 16 de decembro de 2021.- O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana o apoio de BNG e PSdeG a unha proposición non de lei na que se manifesta, ao cumprirse o 40 aniversario da constitución do primeiro parlamento democrático de Galicia, o compromiso e apoio á Constitución Española e ao Estatuto de Autonomía, e o rexeitamento a calquera iniciativa que promova a independencia de Galicia ou de calquera comunidade autónoma.
Así mesmo, solicítase ao Goberno de España o rexeitamento ás medidas contempladas na reforma do regulamento europeo de control da pesca, especialmente as referidas á pesca costeira artesanal e á obrigatoriedade de instalación de cámaras a bordo, o diario electrónico da pesca ou a xeolocalización dos barcos de máis de catro metros de eslora.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz Popular informou que, en primeiro lugar, celebrarase o Pleno específico para a aprobación dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2022, ao que seguirá o Pleno ordinario coa elección dos membros do Consello de Contas, o debate para a aprobación do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas; e a comparecencia da conselleira de Política Social, por petición propia, para informar das conclusións acadadas polo Comité Asesor Sociosanitario nas que se asentará o novo modelo de coidados de longa duración en Galicia.
DEFENSA DO ESTATUTO E DA CONSTITUCIÓN
Dentro do apartado de proposicións non de lei, Puy lembrou que este ano 2021 “estamos a conmemorar o 40 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia e da constitución do Parlamento galego. “Estamos a falar dun feito relevante que nos leva a renovar o noso compromiso e apoio á Constitución Española e ao Estatuto de Autonomía nun momento no que algunhas forzas políticas de España están a promover sobrepasar o marco estatutario abrindo procesos de autodeterminación que conducen á independencia”, sinalou.
Deste xeito, a proposición non de lei do Grupo Popular propón que o Parlamento galego manifeste o seu compromiso e apoio á vixente Constitución Española e ao Estatuto de Autonomía de Galicia, rexeitando calquera iniciativa que promova a independencia de Galicia ou de calquera outra comunidade autónoma, xa que con iso se pon en risco o marco de convivencia que todos os españois nos demos e que garante o autogoberno de Galicia.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno de España rexeite as medidas contempladas no regulamento europeo de control da pesca, especialmente as obrigas de instalar cámaras a bordo en barcos de máis de 12 metros de eslora; de notificar as súas capturas antes de chegar a porto a todas as embarcacións de máis de catro metros, esixindo a instalación dun diario electrónico de pesca; ou de instalar dispositivos que permitan a xeolocalización en todo momento de barcos de máis de catro metros.
No que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas medidas que se tomaron encamiñadas a garantir a execución dos fondos FEDER asignados para actuacións de obras relacionadas coa xestión da auga correspondentes ao período operativo 2014-2020; así como as consecuencias que pode ter para o sector marítimo-pesqueiro galego a aprobación da prohibición de outorgamento de subsidios aos combustibles da frota pesqueira.