Santiago, 16 de decembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio do BNG nin do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno central a creación dunha Zona Franca no Porto de Ferrol, con especial tributación, como unha iniciativa clave no impulso da competitividade e o desenvolvemento das actividades industriais, comerciais e de servizo nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal; así como unha Plataforma Loxística Intermodal no Porto Exterior e a configuración dunha estrutura de colaboración público-privada que facilite as actividades loxísticas a custo competitivo.
Mala xestión, abandono e decisións políticas equivocadas. A historia do maltrato do Goberno de Pedro Sánchez ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. pic.twitter.com/6UVZCpkuqn
— Miguel Tellado (@Mtelladof) December 16, 2021
O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, lembrou que o porto de Ferrol “é o segundo porto máis grande de Galicia e o que ten maior calado de toda a costa atlántica do sur de Europa, polo que podemos afirmar que é a maior empresa da comarca de Ferrolterra”.
ACTIVIDADE MERMADA
Porén, lamentou que, “como todas as empresas de Ferrol, o porto está vendo a súa actividade terriblemente mermada” e apuntou que o peche da central de As Pontes provocou que, en apenas dous anos, pasara de mover 4,7 millóns de toneladas de carbón a menos de 8.000 o pasado 2020.
“En Ferrol non vamos a renunciar ao noso naval, nin vamos a renunciar ao noso porto”, incidiu o viceportavoz popular, quen apuntou que “é necesario desenvolver medidas eficaces que permitan empezar a recuperar o tráfico porturario e volver ás cifras de transporte previas ao peche de As Pontes”.
Para iso, manifestou que a creación dunha Zona Franca, cunha tributación especial, dentro do porto de Ferrol “impulsaría a competitividade e o desenvolvemento da actividade industrial, comercial e de servizos de toda a comarca, ao tempo que reforzaría a posición deste porto dentro da Rede Transeuropea de Transportes, actuando como polo de atracción empresarial e contribuíndo á xeración de novas oportunidades de emprego”.
Tellado engadiu que “tamén demandamos a creación dunha plataforma loxística intermodal no porto exterior, que concentre actividades e funcións técnicas de valor engadido a través dunha estrutura de colaboración público-privada que permita garantir un custo competitivo dos servizos”.
DESPREZO DO GOBERNO CENTRAL E DE QUEN O APOIA
O viceportavoz popular sinalou que estas dúas demandas forman parte do Pacto de Estado por Ferrol, un documento froito do consenso entre institucións, axentes económicos e sociais, e o tecido empresarial, pero que “logo de que pasaran seis meses desde que se remitiu ao Goberno central a resposta foi o máis absoluto silencio”.
“Esta falta de resposta non só é un desprezo a este Parlamento, ao Goberno galego e á comarca de Ferrol, senón unha declaración de intencións e unha confesión tácita da responsabilidade do Goberno central sobre o estado actual da comarca”, afirmou.
Para rematar, Miguel Tellado lembrou que o Goberno central “ten as competencias e as ferramentas necesarias para empezar a reverter esta crise” e para iso “demandamos a firma, dunha vez por todas do Pacto de Estado por Ferrol; a constitución dunha Zona Franca; a designación dun interlocutor directo no Goberno central; a construción dun BAM nos estaleiros de Navantia-Ferrol; a inclusión nos orzamentos do Estado da partida necesaria para a construción das fragatas F-110; ou a posta en marcha entre 2022 w 2023 do dique seco, que permita desenvolver un moderno Estaleiro 4.0”.