Santiago, 17 de decembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a posta en marcha dunha poxa dixital de gando vacún. “Este tipo de lonxas non pretenden substituír os procedementos actuais de venda, pero ofrecen unha sólida canle alternativa con vocación de consolidación no futuro”, manifestou a portavoz popular do Medio Rural, Elena Candia.
Así mesmo, o Grupo Popular aceptou incorporar a esta proposición non de lei, tendo en conta a competencia estatal das telecomunicacións e a existencia dun Ministerio que nomeadamente ten entre a súas funcións a eliminación da brecha dixital, solicitar a todas as administracións que estean vixiantes nos plans de dixitalización postos en marcha para q sexan efectivos.
FACILITAR A XESTIÓN DAS POXAS
Na súa intervención, Candia explicou que “un dos aspectos a mellorar é a realización das poxas do gando vacún, nas que se esixe a presenza física dos animais, que, no caso de non ser vendidos, volven á explotación de orixe, o que implica un custo importante para o gandeiro, tanto desde a perspectiva temporal como económica, ademais dun prexuízo materializado no benestar dos animais”.
“Esta situación vén explicar a necesidade de dixitalizar as poxas de gando, de modo que se poidan levar a cabo de xeito puntual facilitando a xestión das mesmas a produtores e revertendo os custos que transportan”, sinalou.
Así, Elena Candia concretou que as vantaxes dunha lonxa dixital fronte á lonxa convencional son numerosa. En concreto, citou o aforro de tempo das persoas que participan na compravenda; a mellora do benestar dos animais; a redución de custos; o aumento da claridade das transaccións comerciais; a mellora de acceso ao mercado para todos os gandeiros e as explotacións; a celebración de poxas de xeito continuo e oferta de animais en venda directa; a dixitalización dos pagamentos; ou a diminución da transmisión de enfermidades animais pola ausencia da concentración nos mercados físicos.
Para rematar, a portavoz popular manifestou que “a posta en marcha desta lonxa dixital, pensada para o conxunto de Galicia, esixe dun proceso previo de deseño do procedemento de funcionamento e dunha implementación das aplicacións informáticas. “O obxectivo é que se dean, cando menos, as mesmas garantías das que gozan os compradores e vendedores das lonxas presenciais: poxas e vendas seguras, fiables, áxiles e sen posibilidade de fraude”, incidiu.