Santiago, 20 de xaneiro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei a través da que se solicita ampliar os puntos de atención continuada (PAC) que conten cunha superficie axeitada para facilitar o traslado de pacientes a centros hospitalarios a través dos dous helicópteros cos que conta o 061, solicitando a colaboración dos concellos que facilitarán a dispoñibilidade de terreos de ser preciso.
A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, explicou que “un dos recursos fundamentais, pola súa flexibilidade e pola súa rapidez, cos que conta a Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 son os dos helicópteros con base en Santiago e Ourense”. Son aeronaves que realizaron nos últimos cinco anos arredor de 5.000 servizos e cuxo equipamento permite prestar asistencia médica in situ a pacientes críticos no menor tempo posible, con persoal especializado e cos elementos necesarios para a realización de manobras de soporte vital avanzado.
SOLVENTAR SITUACIÓNS COMPLEXAS
Encarna Amigo manifestou que “dispoñer de helisuperficies nos puntos de atención continuada pode solventar situacións complexas en canto a patoloxías tempodependentes”. Deste xeito, apuntou que “se podemos contar con espazos axeitados para a aterraxe dos helicópteros, podemos reducir os tempos de asistencia aos pacientes e tamén se pode dotar a este servizo de maior seguridade con respecto aos puntos de toma habituais, xa que poderían contar cun bo mantemento e un fácil acceso aos centros sanitarios para facilitar o traslado do paciente”.
“Hai que adaptar o sistema de atención de urxencias e emerxencias á realidade de Galicia, unha comunidade cunha importante distorsión territorial, cunha orografía complicada e na que o reforzo dos helicópteros sanitarios traducirase no obxectivo que todos perseguimos: salvar vidas e atender a máis persoas no menor tempo posible”, concluíu a portavoz popular.