Denuncia a situación crítica na que se atopan os traballadores da empresa e lamenta a falta de sensibilidade do Goberno
Miguel Tellado reforzou esta mañá o compromiso do Partido Popular de Galicia cos traballadores de Alu Ibérica e anunciou que presentarán unha iniciativa parlamentaria esixindo ao Goberno a súa implicación na búsquea de solucións que garantan o futuro industrial da fábrica.
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, xunto cos deputados pola Coruña, Adrián Pardo e Rosalía López, reuníronse co comité de empresa de Alu Ibérica na sede autonómica dos populares galegos.
Nesta xuntanza os representantes dos traballadores expuxeron a situación “de extrema urxencia”, na que se atopan, fronte ao fin de ERTE que chegará no mes de maio, sen que existan alternativas industriais que permitan contar cun proxecto sólido que garanta a carga de traballo.
Os populares e os traballadores da planta coincidiron en que “non é o momento de falar de recolocacións”, senón de traballar todos xuntos na mesma dirección para atopar unha saída que permita garantir a actividade.
O secretario Xeral recordou que a Xunta de Galicia ven de elaborar un caderno de vendas, en colaboración cun equipo técnico formado por membros do cadro de persoal de Alu Ibérica que ofrece diferentes escenarios industriais que garantirían a solvencia da planta de aluminio.
Os traballadores de Alu Ibérica remarcaron que o gran problema que evita que a planta sexa competitiva é o desorbitado prezo da electricidade. “Un prezo asumible sería de 40 euros MWh” máis semellante aos países europeos da nosa contorna. Actualmente o prezo da electricidade para a industria electrointensiva en España superou a barreira dos 190 euros MWh.
Miguel Tellado asegurou que “ata o de agora, está claro que o Goberno non foi capaz de ofrecer un prezo eléctrico competitivo, que xere seguridade para desenvolver á actividade industrial do nosos país”.
“Este é o problema de fondo que está provocando unha crise industrial tanto en Galicia como no conxunto de España”, asegurou o dirixente popular.
Os populares aseguraron que “é o momento de actuar”, e comprometéronse a presentar unha iniciativa no Parlamento Galego para forzar ao Goberno central a implicarse activamente coa Xunta de Galicia e o resto das administracións en atopar solucións para Alu Ibérica.
“Teñen unha oportunidade para redimirse”, asegurou Tellado. “O Goberno debe adoptar medidas que dean estabilidade ao marco enerxético e asumir como propio o caderno de ventas creado pola Xunta e os traballadores para atopar posibles investidores”, di. “E veremos que vota o PSOE de Valentín González Formoso”, engadiu.