Santiago, 25 de xaneiro de 2022.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro, demandou hoxe no Pleno do Parlamento galego a BNG e PSdeG que “reclamen ao Goberno de Pedro Sánchez os 90 millóns de euros que lle recortou ao sistema educativo galego neste curso ao anular a orde de axudas de fondos Covid-19 para educación”.
“Fronte a este recorte do Goberno central, a Xunta aporta 140 millóns adicionais e a contratación de 2.095 profesores máis que antes da pandemia”, salientou.
Ovidio Rodeiro solicitou aos grupos da oposición “un pouco de rigor, porque non é serio vincular o incremento de casos de Covid-19 no ensino galego coa falta de profesores”. “Non todo se soluciona con máis profesores e neste caso soluciónase con máis vacinas, tendo en conta que Galicia é líder en vacinación infantil: o 81 por cento dos nenos e nenas de 5 a 11 anos teñen polo menos unha dose”, apuntou.
“Un curso máis, a Consellería conta cun cadro de persoal docente que non só respecta o catálogo de postos fixado en 2007 polo Goberno bipartito de PSdeG e BNG e asinado polos sindicatos, senón que supera as previsións mínimas fixadas nese acordo”, sinalou o portavoz popular. Ademais, subliñou que “o ensino público de Galicia ten máis profesores que no último curso prepandemia, pese á redución de alumnado”.