Santiago, 2 de febreiro de 2022.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insiste ao Ministerio do Interior para que, a través da Dirección General da Policía, se articule un concurso de méritos na Policía Nacional que permita cubrir vacantes na Unidade de Policía Adscrita a Galicia para incrementar a 500 os seus efectivos, de xeito que esta unidade poida cumprir coas funcións que actualmente está prestando.
?️Semella que os novos aires do PSdeG non vai mudar as súas prioridades, @RubenLorenzoG defende a iniciativa do @ppdegalicia aprobada no @Par_Gal para cubrir as vacantes da Unidade de Política Adscrita para incrementar a 500 os efectivos e que contou coa abstención da oposición pic.twitter.com/eX2v37FXlt
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) February 2, 2022
O deputado popular Rubén Lorenzo explicou que, desde a creación da Unidade de Policía Adscrita a Galicia en 1991 e a fixación en 1996 da súa dotación definitiva en 500 efectivos, “a evolución temporal dos seus integrantes foi desigual e descendente a partir do 2007, situándose a finais do 2011 nas 348 prazas, en niveis similares aos dos anos 2005 e 1997. A partir de 2012 procedeuse a convocar concursos de vacantes, o que permitiu que eta unidade pasase a 474 efectivos a mediados de 2013, cifra que foi descendendo progresivamente ano tras ano ata os 373 integrantes na actualidade.
Rubén Lorenzo concretou que esta Unidade da Policía Adscrita a Galicia “perdeu desde 2013 máis de cen efectivos, estando previstas oito novas baixas ata o vindeiro mes de xuño”.
Deste xeito, solicitou “con urxencia un imprescindible reforzo da súa plantilla actual, tendo en conta, ademais, que esta unidade foi crecendo na prestación dos seus servizos para dar resposta á asunción paulatina de novas funcións e competencias pola Administración galega”. Estas funcións supuxeron en orixe unha descarga do traballo para os corpos de seguridade do Estado, como nos casos de traslado de menores, xogo, espectáculos, incendios forestais, patrimonio histórico, ordenación do territorio, protección de personalidades, seguridade de edificios públicos autonómicos, entre outros.
Ademais, desde finais de 2015, en execución do convenio entre o Ministerio do Interior e a Xunta en materia de violencia de xénero e protección ás vítimas, puxéronse en marcha grupos específicos para atender esta colaboración en todas as sedes da Unidade de Policía Adscrita, detraendo moitos efectivos das tarefas que viñan desenvolvendo habitualmente.
Rubén Lorenzo tamén fixo referencia á falta de efectivos dos corpos de seguridade do Estado en Galicia, centrándose na comarca de Bergantiños e a Costa da Morte, onde só existen nove gardas civís para protexer aos máis de 110.000 veciños durante as noites.
“A situación chega a tal punto que dos 140 axentes que existen nos postos de Carballo, A Laracha, Ponteceso, Malpica, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Corcubión e Muxía, só 18 están dispoñibles para patrullar esta zona cada día, é dicir, unha media de seis axentes por quenda de mañá, tarde e noite”, sinalou.