Santiago, 8 de febreiro de 2022.- A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Marisol Díaz Mouteira, criticou hoxe no Parlamento galego a “ousadía de BNG e PSdeG ao cualificar de fracaso estrepitoso a política de xestión de residuos da Xunta, cando o modelo de SOGAMA recibiu no seu momento o aval da Unión Europea, coa particularidade de que, anos despois, a Comisión Europea contratou unha auditoría externa do modelo que certificou os notables beneficios do sistema para a Comunidade galega desde a dimensión ambiental, económica e social”.
Deste xeito, Díaz Mouteira demandou aos grupos da oposición “un pouco máis de vontade para comprobar que a política de xestión de residuos da Xunta avanza, porque son vostedes os que queren quedar atrás e os que non queren avanzar”.
RESPONSABILIDADE
“Ademais de seguir de forma dilixente a aplicación das catro erres de redución, reutilización, reciclaxe e recuperación enerxética, SOGAMA aplica outro erre con maiúsculas, que é o da responsabilidade”, manifestou a portavoz popular.
Así mesmo, Marisol Díaz lembrou que “a responsabilidade en materia de residuos domésticos recae nos concellos e que a Xunta ten que respectar calquera modelo dos autorizados pola lexislación europea, da que non se poden apartar nin a lexislación autonómica nin a europea”. Así, salientou que a Xunta mantén contacto directo permanente coa Federación Galega de Municipios e Provincias, “á que mantén puntualmente informada tanto das novidades lexislativas como dos programas de axudas”.
Para rematar, salientou que “Galicia é a única comunidade autónoma que ten un plan de xestión de residuos industriais diferenciado dos municipais, e neste momento xa ten en proceso de licitación a elaboración de novos plans, tanto de residuos urbanos como industriais, para cumprir os obxectivos fixados e poder estar en condicións de acceder aos fondos europeos”.