Santiago, 10 de febreiro de 2022.- A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique incidiu hoxe no Parlamento galego “na necesidade de poñer en marcha o proxecto, que conta cun gran consenso técnico, social e político en Ferrol e que suporá que o estaleiro de Navantia sexa competitivo, que consiste no encargo por parte do Goberno central da construción dun buque de acción marítima para a Armada Española, iniciar canto antes a construción das fragatas F-110, axilizar o proceso de modernización do estaleiro e impulsar a área de turbinas para o deseño e comercialización de novos produtos destinados a enerxías renovables.
No debate dunha proposición non de lei do BNG sobre a creación do centro de reparacións en Navantia, Teresa Egerique sinalou que “un pequeno apaño non vai solucionar o gran problema que atravesa o estaleiro ferrolán, nin a situación de parálise que vive por causa do Goberno socialista”. “As reparacións son unha liña de negocio máis, que apoiamos pero conscientes de que non vai substituír á fabricación de barcos”, apuntou.
A deputada popular considerou que “é o momento de actuar e de implicarse, tanto desde os seus partidos políticos como desde as deputacións e concellos da comarca, para solucionar esta crise económica, laboral e demográfica que sufre desde hai décadas Ferrolterra e esixir as actuacións necesarias do Goberno do Estado”. Así, sinalou que “necesitamos que desbloqueen os investimentos e que se poña en marcha o proxecto de transformación do estaleiro nuns prazos razoables”.
PACTO DE ESTADO
Neste sentido, Egerique lembrou que a Xunta iniciou o pasado ano un proceso de diálogo entre os principais axentes económicos e sociais presentes na comarca. O resultado foi a sinatura dun Pacto de Estado por Ferrol froito do consenso entre institucións, axentes económicos e sociais, e o tecido empresarial. “A Xunta actuará dentro das súas competencias, pero non pode haber un Pacto de Estado sen o Estado, e, lamentablemente, un ano despois seguimos esperando a resposta do Goberno socialista”, dixo.
“Desde que a Administración socialista tomou o mando de Navantia, foron incapaces de captar novos investimentos, perdéronse sucesivos contratos internacionais millonarios, negáronse a contratación a construción dun buque ponte e retrasáronse sine die os proxectos en marcha polo Goberno de Mariano Rajoy das fragatas F-110”, criticou a deputada popular.