Preside un “espazo de debate aberto” para poder “nutrirse” da experiencia e implicación de diferentes perfís sociais e profesionais
A vicesecretaria de Axenda Verde dos populares galegos, Ángeles Vázquez, asegurou que a Comisión de Medio Ambiente do PPdeG, integrada por unha variedade de perfís sociais e profesionais, escoitará á cidadanía para seguir apostando e traballando por unha Galicia verde.
“Hoxe é un día importante para a Comunidade”, afirmou a dirixente popular durante a constitución da Comisión que ela preside, na que puxo en valor a implicación da vintena de integrantes deste foro, procedentes de distintos lugares galegos e comprometidos co territorio, con Galicia, co medio ambiente e co desenvolvemento sostible.
Nese senso, incidiu na importancia de implicar á sociedade a través destes “espazos abertos e de debate” para nutrirse da súa experiencia e da súa formación, así como para dar a coñecer as distintas sensibilidades. De feito, aclarou que para participar non hai que estar afiliado ao PP senón que “só hai que quererlle a Galicia”, engadindo que a nosa Autonomía debe ser a capital natural europea.
OS RETOS DE 2022
Tras destacar a dilatada experiencia da Comunidade, que leva anos traballando polo medio ambiente e conta con distintas estratexias como a do Cambio Climático e da Enerxía ou a de Residuos, Vázquez referiuse aos retos para o 2022.
Segundo admitiu, este será o ano do clima, lembrando que a vindeira semana iniciarase a tramitación da que será a primeira Lei do Clima de Galicia, que suporá seguir reducindo emisións e que pon o foco na saúde para que vivir na Comunidade sexa sinónimo de calidade de vida dende o punto de vista medioambiental. Así mesmo, resaltou o impulso á Alianza polo Clima, que permitirá que todas as empresas, ONGs e asociacións poñan o seu grao de area e que todas as accións sobre o territorio leven o seu visto e prace.
No que respecta á vivenda, indicou que hai que “ben investir” os Fondos Europeos e seguir construíndo fogares sostibles -este ano promoveranse máis de 3.000 novas vivendas protexidas na nosa Autonomía-, sen esquecer tamén o papel fundamental da rehabilitación.