Santiago, 18 de febreiro de 2022.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez saudou hoxe na Comisión de Economía do Parlamento galego que os socialistas galegos “por fin recoñeceran a necesidade de que o Goberno central actúe e promova as medidas necesarias para evitar a exclusión financeira e favorecer ás persoas máis vulnerables e, especialmente, de maior idade”.
“O Goberno galego xa leva traballando neste ámbito desde hai moito tempo e mostra disto é o convenio asinado xa en 2019 coa Fegamp para dotar de caixeiros automáticos e atención presencial nos concellos galegos que non dispoñan de servizos financeiros”, manifestou.
Sandra Vázquez recoñeceu o “forte impacto” que está a ter a reestruturación bancaria na prestación de servizos aos cidadáns, tanto no ámbito rural como no urbano. “Esta situación está a xerar preocupación e inquedanza entre os galegos, así como un descontento social pola dificultade de acceder a servizos bancarios”, apuntou.
PROBLEMA LOCALIZADO
“Nesta situación alarmante, é importante a implicación de todas as administracións públicas dentro das súas competencias”, manifestou a deputada popular, quen salientou que os socialistas galegos “viraran na súa posición 180 graos para recoñecer agora a necesidade de que o Goberno de España se implique e adopte as medidas oportunas para solucionar este problema, non só en Galicia senón tamén a nivel estatal”.
Sandra Vázquez manifestou que “desde o Grupo Popular levamos demandando esta implicación de todas as administracións públicas desde hai moitos meses” e salientou que “a Xunta xa amosou o seu compromiso na busca de solucións a este problema coa sinatura en 2019 dun convenio coa Fegamp para dotar de caixeiro automático e presenza física de persoal dunha entidade financeira para o asesoramento dos cidadáns naqueles concellos que nos contan con servizos bancarios”.
“O problema está localizado, pero é necesario que o Goberno central cumpra o seu compromiso e adopte as medidas oportunas para evitar a exclusión financeira das persoas máis vulnerables, especialmente as de maior idade ou residentes no rural galego”, engadiu.