“Queremos un rural sostible medioambientalmente, rendible, vivo e que sexa atractivo para vivir e para traballar”, di na constitución da Comisión de Medio Rural do PPdeG, que preside
“Seguir escoitando ao noso rural” é o obxectivo co que nace a Comisión de Medio Rural do PPdeG, presidida polo coordinador do partido nesta área, Avelino Souto: “Que as voces dos nosos alcaldes, portavoces e en xeral de todos os actores territoriais da Galicia rural cheguen directamente á dirección da formación e ao Goberno”.
O foro que hoxe se constituíu conta 26 membros entre os que se atopan o secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, o conselleiro de Medio Rural, José González, a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, así como alcaldes, portavoces, deputados da Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes e diferentes actores territoriais do medio rural de Galicia que son -dixo Souto- “os nosos ollos e oídos no territorio”.
Como sinalou, a súa organización leva o rural no seu ADN, tendo unha ampla base territorial nesta contorna e cunha enorme sensibilidade cara aos desafíos dos veciños nestas zonas da nosa terra. Nese senso, resaltou que o futuro da Comunidade é tamén o do noso rural, recordando que nos enfrontamos a cuestións como o da súa pervivencia demográfica, o prezo dos servizos ou os problemas dos custos de produción, “grandes retos que nos preocupan e para os que tanto desde a formación como desde o Goberno galego se inviste moito tempo e recursos en tratar de afrontalos”.
“Queremos un rural que sexa sostible medioambientalmente, rendible, económico e vivo, un que sexa atractivo para vivir e para traballar, e así o imos facer porque o éxito do noso rural será o éxito de Galicia”, subliñou engadindo que o futuro tamén pasa por lograr a igualdade de dereitos. Sobre isto, aclarou que, independentemente de nacer nunha cidade ou nunha vila pequena, os cidadáns deben ter exactamente as mesmas oportunidades educativas, sanitarias, profesionais, así como os mesmos servizos.
Nesta liña, recordou que a nosa Comunidade xa é un referente neste eido e salientou o traballo por parte da Xunta durante os últimos 13 anos. De todos modos, o coordinador indicou que aínda queda moito por facer, incidindo en que para poder facer fronte a estes retos é preciso coñecer de primeira man os problemas e as necesidades reais do noso rural, algo para o que destacou o papel fundamental da Comisión.