Santiago, 22 de febreiro de 2022.- A viceportavoz do Grupo Popular, Elena Candia, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que os socialistas galegos “pretenderan rachar co acordo unánime acadado na pasada sesión plenaria a través do que se solicitaba á Xunta que dea prioridade ao proceso de deseño da primeira fábrica de fibras téxtiles de España en Galicia, que permitiría pechar o ciclo de produción da madeira nesta Comunidade autónoma, así como que se propicie o seu emprazamento preferentemente na comarca de A Mariña e, se os criterios técnicos non garanten a viabilidade deste emprazamento, na provincia de Lugo”.
O acordo incorporaba a solicitude ao Goberno de España para que estableza liñas de apoio no marco dos fondos europeos Next Generation para o desenvolvemento deste proxecto coa maior celeridade posible.
Elena Candia insistiu que “desde o PPdeG mantémonos de forma clara, contundente e concisa no acordo unánime acadado no Pleno do pasado 8 de febreiro” e cuestionou aos socialistas galegos pola “súa obsesión agora en quitar á provincia de Lugo da iniciativa que hoxe traen a este Pleno”.
PREOCUPACIÓN POLOS SOCIALISTAS
“Por que se desmarcan hoxe do acordo unánime acadado no Pleno do 8 de febreiro, no que demandábamos que se fixara como emprazamento preferente da fábrica de fibras téxtiles a comarca da Mariña e, se os criterios técnicos non garantiran a viabilidade desta localización, a provincia de Lugo”, preguntou aos socialistas Elena Candia.
Deste xeito, a viceportavoz popular manifestou que esta nova posición dos socialistas galegos “déixame fondamente preocupada porque racha o compromiso que fixamos coa comarca da Mariña e a provincia de Lugo” e apuntou á posibilidade de que “existan intereses doutros socialistas por levar a outra provincia este proxecto industrial”.