Santiago, 24 de febreiro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno de España que, con urxencia, adopte os cambios normativos pertinentes e habilite medidas de revisión de prezos extraordinaria para os contratos, de xeito que se garanta a viabilidade das obras públicas ante a actual crise de prezos e de abastecemento de materiais, para garantir a execución de infraestruturas esenciais, protexer o emprego e evitar poñer en risco os fondos europeos extraordinarios destinados á recuperación económica, que deben executarse nun tempo limitado.
A deputada do Grupo Popular Begoña Freire considerou “incuestionable que a reconstrución da economía e a recuperación do emprego tras a crise da Covid-19 pasa por un impulso decidido dos investimentos públicos, para o que se destinan os fondos europeos de reconstrución”. “Todas as administracións públicas teñen a obriga de aproveitar ao máximo esta oportunidade extraordinaria de financiamento para facilitar a dinamización económica, así como de impulsar con esta ferramenta os grandes proxectos de progreso e benestar, estratéxicos para a sociedade”, indicou.
AMEAZA Á EFICACIA DA RECUPERACIÓN
Porén, explicou que a crise de abastecemento e de prezo das materias primas ameaza a eficacia da recuperación. Diante desta situación, destacou que “o Goberno galego leva moitos meses advertindo de que é necesario adoptar medidas lexislativas no eido da contratación pública a nivel estatal, para evitar retrasos, paralizacións e abandono das obras en marcha e, cada vez máis, concursos desertos”.
“Pese a gravidade da situación, o Goberno de España aínda está, presuntamente, a ultimar o Real-Decreto no que fixarán os mecanismos de compensación polos sobrecustes nas obras públicas, como consecuencia do incremento de prezos dos materiais que se leva producindo desde hai practicamente dous anos”, lamentou.
Begoña Freire concretou que “están en xogo investimentos en proxectos esenciais para Galicia, como a modernización ferroviaria Lugo-Ourense, que sufrirá un novo atraso debido a este problema, así como as grandes obras de reforzo da sanidade pública”.
“Resulta imprescindible e urxente que o Goberno de España actúe para poder dispoñer de solucións globais para o conxunto dos contratos públicos e para afrontar o problema en toda a súa magnitude”, demandou.
PROTEXER OBRA PÚBLICA E EMPREGO
A deputada popular destacou que “Galicia foi pioneira en España ao adoptar medidas, nos límites das súas competencias, para garantir a viabilidade dos contratos públicos da Xunta en vigor”. Así, a través dunha iniciativa normativa, permitirase blindar 170 obras impulsadas pola Administración galega e salvar 5.300 empregos.
Freire explicou que “o obxectivo era claro: protexer a obra pública e o emprego na construción ante a crise de desabastecemento das materias primas e o incremento dos prezos dos materiais”. Así, a medida impulsada en Galicia habilita á Xunta a aplicar ás obras en execución que rexistren unha variación de prezos dos materiais de, polo menos, o 20 por cento e causen perdas superiores ao 6 por cento do importe de adxudicación unha compensación que evite a quebra do contrato ou autorizar unha modificación dos materiais, promovendo os recursos de proximidade, sempre que non implique merma na funcionalidade das obras.