Santiago, 25 de febreiro de 2022.- O deputado do Grupo Popular, José Manuel Rey salientou hoxe no Parlamento galego que o Consello de Contas acreditou que a Comunidade galega presentaba un nivel de endebedamento do 17,5 por cento a finais de 2019, unha porcentaxe 6,2 puntos inferior á media das comunidades españolas. Ademais, o órgano fiscalizador recoñeceu que o crecemento da débeda pública en Galicia nos últimos anos é inferior ao experimentado pola media estatal.
Na comparecencia do conselleiro maior do Consello de Contas para presentar os informes de fiscalización da Conta Xeral da Comunidade galega correspondente a 2019, José Manuel Rey sinalou que “o Goberno galego fai orzamentos cada ano e os executa nun 95 por cento para que funcionen os recursos públicos da Comunidade galega”. “Esta situación contrasta con outras institucións como o Concello de Vigo, que só executou o 68 por cento dos seus orzamentos, ou a Deputación de A Coruña, que reduciu a execución orzamentaria ao 40 por cento”, explicou.
RENDEMENTO E RECOMENDACIÓNS
Ademais, apuntou que na fiscalización do Consello de Contas recóllese que a Xunta rendeu en prazo a Conta Xeral que, ademais da Administración Xeral, inclúe as contas de 71 entidades instrumentais”.
O deputado popular destacou, por último, o significativo incremento do número de recomendacións realizadas polo Consello de Contas que foron atendidas polo Goberno galego ou se atopan en proceso de aplicación, aínda que fixo un chamamento para que “xuntos sigamos mellorando”.