A vicesecretaria de Servizos Públicos do PPdeG asiste en Palma de Mallorca ao foro “El protagonista eres tú”, organizado polo PP balear
A vicesecretaria de Servizos Públicos do PPdeG, Fabiola García, defendeu que as políticas destinadas ás familias que implantou o Goberno autonómico de Alberto Núñez Feijóo en Galicia son un exemplo a seguir para toda España. Fíxoo no foro “El protagonista eres tú”, organizado polo PP das Illas Baleares, durante o que a súa presidenta autonómica, Marga Prohens, avanzou que —de chegar ao Executivo autonómico insular— introducirá a gratuidade nas escolas infantís do mesmo xeito que o está a facer Galicia.
Fabiola García repasou as principais medidas de apoio aos fogares coas que conta Galicia despois de 13 anos de Goberno do PPdeG. Ademais da pioneira gratuidade das escolas infantís, que se puxo en marcha en 2020 para os segundos fillos e sucesivos e que a partir de setembro de 2022 se estenderá tamén aos primeiros fillos, debullou outras iniciativas como a Tarxeta Benvida, a Caixa Benvida, as deducións fiscais por fillo a cargo e para as familias numerosas e as casas niño.
A vicesecretaria de Servizos Públicos fixo fincapé na importancia que ten, segundo todos os expertos, a etapa educativa dos 0 aos 3 anos para o desenvolvemento dos nenos. Resaltou tamén a necesidade de que os poderes públicos acompañen “a todas as familias que libremente toman a decisión de ter fillos”.
“Imos continuar traballando desde o Goberno galego para dar máis facilidades ás familias con máis recursos de conciliación, especialmente nas zonas rurais, tanto para a atención dos máis pequenos como para a dos maiores”, indicou Fabiola García.
APOIO SOCIAL ÁS PERSOAS MÁIS AFECTADAS POLA PANDEMIA
Durante a súa intervención no foro, a vicesecretaria explicou tamén as políticas destinadas ás persoas máis afectadas pola pandemia: os maiores e os fogares máis vulnerables. Para os primeiros, co obxectivo de “garantir que poidan facerse maiores en liberdade e de acordo coas súas preferencias”, Galicia é unha das comunidades de referencia no Servizo de Axuda no Fogar, no que se invisten cada ano máis de 100 millóns de euros. Tamén puxo en valor ante o PP balear a experiencia das casas do maior ou do autobús de Coidados porta a porta.
Como rede de seguridade para as persoas nunha situación económica, Galicia puxo en marcha a Tarxeta Básica, unha axuda extraordinaria para os meses de pandemia que permitiu axudalas a afrontar os gastos básicos dun xeito áxil e evitando estigmatizalas.