Santiago, 7 de marzo de 2022.- O Grupo Popular demandará no Pleno desta semana un impulso en Galicia ás iniciativas dirixidas a conseguir a plena igualdade entre mulleres e homes, coincidindo coa celebración mañá do Día Internacional da Muller.
En concreto, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, explicou que “se incorporaron na orde do día da sesión plenaria dúas proposicións non de lei e unha pregunta, con cuestións transversais dirixidas a impulsar a igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes”.
AMPLO ABANO DE NOVAS ACTUACIÓNS
En primeiro lugar, o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei que recolle un amplo abano de actuacións para avanzar na igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. Así, demándase a ampliación dos programas e axudas destinados á inclusión sociolaboral de mulleres en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social; consolidar os programas e recursos dirixidos a mulleres maiores ou con discapacidade; reforzar a perspectiva de xénero nas políticas medioambientais e de xestión do territorio; apoiar a promoción profesional das mulleres no ámbito cultural e a visibilización da súa produción artística; fomentar as boas prácticas e a implicación dos medios de comunicación na transmisión de contidos que promovan a igualdade, así como a eliminación do sexismo nas mensaxes publicitarias; realizar campañas institucionais para a concienciación da cidadanía en torno á igualdade; e consolidar a perspectiva de xénero na planificación e xestión do deporte galego.
Ademais de todas estas cuestións transversais, o Grupo Popular tamén porá especial énfase na mellora dos puntos de encontro familiar, unha figura esencial para facilitar a atención aos menores ante unha situación de separación, divorcio, nulidade, tutela ou calquera outro suposto de interrupción da convicencia familiar. Puy explicou que “Galicia conta na actualidade con sete centros de encontro familiar en funcionamento localizados nas sete grandes cidades galegas, ao que se engadirá proximamente un novo no concello de Ribeira para dar servizo a toda a comarca do Barbanza”.
“O bo traballo que desenvolven estes centros está a motivar que o Goberno galego asuma o compromiso de poñer en marcha novos centros: o obxectivo é duplicar a rede de puntos de encontro familiar coa apertura de novos centros comarcais”, apuntou. Ademais da creación destes novos centros, desde o Grupo Popular considérase necesario que a Xunta adopte as medidas necesarias para modernizar e humanizar os puntos de encontro familiar que actualmente se atopan en funcionamento.
En terceiro lugar, e a través dunha pregunta ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polo cumprimento das medidas recollidas no VII Plan Estratéxico para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, así como pola situación na que se atopa a elaboración do VIII Plan estratéxico. Neste sentido, Puy lembrou que “o VII Plan Estratéxico incluía 253 accións que abranguían todas as áreas baixo o principio de transversalidade de xénero: integración do principio de igualdade nas políticas e accións do Goberno; áreas estratéxicas para a igualdade e prevención; e tratamento da violencia de xénero”.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL POR UCRAÍNA
O portavoz popular informou, ademais, que “estamos intentando chegar a un acordo cos grupos da oposición para a aprobación dunha declaración institucional en relación coa invasión de Ucraína por parte de Rusia”. Puy concretou que “existe un acordo básico co PSdeG” e avogou porque finalmente “sexa posible a unanimidade para a súa lectura”.
Pedro Puy explicou que o texto que se está a consensuar pon de manifesto que “estamos diante dunha violación clara do dereito internacional, que atenta gravemente contra a soberanía e a integridade territorial de Ucraína; se demanda o fin das hostilidades e das operacións militares; se expresa a solidariedade con todas as vítimas do conflito; e ofrecemos a colaboración da Comunidade galega para a acollida de refuxiados”.