Santiago, 17 de marzo de 2022.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos urxiu hoxe no Parlamento galego aos concellos de Cangas e Moaña a posta a disposición da Xunta dos terreos necesarios para dotar de novos servizos de urxencias á comarca do Morrazo. Así mesmo, solicitou que o Goberno galego inclúa na oferta da nova convocatoria da recén creada categoría de facultativo especialista en atención primaria as prazas de difícil cobertura destes dous municipios.
Alberto Pazos lembrou que desde o mes de febreiro de 2020, cando se asinou o convenio entre o Concello de Moaña e o Goberno galego para a construción dun novo centro de saúde, “a Xunta está á espera de que se lle cedan os terreos necesarios para estas novas instalacións sanitarias”.
LICITACIÓN E SOLICITUDE DE LICENZA
“Porén, e a pesar de non dispor destes terreos, a Xunta procedeu en decembro de 2020 á licitación da redacción do proxecto básico e en xuño de 2021 aprobou o proxecto básico e solicitou a licenza, un feito excepcional que amosa o compromiso do Goberno galego con este novo centro de saúde pero o que non pode a Consellería de Sanidade é construílo no aire”, apuntou.
O deputado popular afirmou que “a derivación do PAC de Moaña ao PAC de Cangas non é un capricho senón unha medida para garantir a saúde dos veciños, xa que son necesarios circuítos diferenciados e espazos axeitados para garantir os protocolos de prevención”. “A solución para Moaña non é rebaixar o nivel de prevención, senón dotala dun novo centro de saúde”, asegurou.
Pazos salientou que “a sanidade galega goza de boa saúde e iso non sería posible sen uns excelentes profesionais sanitarios, sen os recursos necesarios para desenvolver a súa labor e sen unha xestión responsable dos recursos públicos”.
Deste xeito, lamentou que os socialistas galegos “insistan, unha vez máis, na súa campaña de desprestixio do sistema sanitario galego e insista en negar unha realidade corroborada polos datos aportados polo Ministerio de Sanidade, que acredita o bo comportamento da sanidade galega durante a pandemia”.