“Manteño o orgullo de seguir a ser militante deste partido na terra onde nacín e para a que seguirei traballando dende a nova responsabilidade que asumo a nivel nacional”, afirma.
O candidato á Presidencia do PP, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe a súa dimisión como presidente dos populares galegos, unha renuncia que se fará efectiva con data do 1 de abril -cando será proclamado líder da formación no Congreso nacional que se celebrará en Sevilla-, pois estatutariamente non é posible compaxinar o liderado do Partido Popular co da organización en Galicia.
“Renuncio á honra de ser presidente do PP de Galicia, pero manteño o orgullo de seguir a ser militante deste partido na terra onde nacín e que me ten dado todo o que teño, e para a que seguirei traballando dende a nova responsabilidade que asumo a nivel nacional”, recolle a carta na que Feijóo se dirixe aos seus compañeiros de partido.
O aínda líder dos populares galegos lembra que en 2005 deu un paso á fronte para dirixir a formación nun momento difícil para o PP en Galicia, facendo fincapé no “desafío enorme” que supoñía suceder a Manuel Fraga, un pai da Constitución que levaba 16 anos de presidente da Xunta e que viña de gañar por quinta vez as eleccións galegas. Do mesmo xeito, agora dá “un paso adiante para dirixir a nosa organización nun momento complexo para o PP a nivel nacional e para España”.
No documento explica que o primeiro partido de Galicia está onde debe: “Liderando o Goberno autonómico, ofrecendo certezas ante os problemas, xerando estabilidade na sociedade galega e española, respectando a Constitución e o Estatuto de Autonomía, procurando consensos e traballando con intensidade para estar á altura dos cidadáns aos que representamos”.
“Somos o partido que máis se parece a Galicia e imos seguir ofrecendo aos galegos o mellor de nós mesmos”, asegura ao tempo que se compromete a artellar unha alternativa que permita contar “co mellor Goberno ao servizo dos españois e dos galegos”.
“Estou orgulloso deste partido e agora póñome a disposición de España como sempre o estiven de Galicia”, resalta indicando que emprende esta nova etapa precisando do traballo de todos “para canto antes lograr un Goberno mellor para España, que defenda os intereses xerais e sirva a todos os españois”.