Santiago, 4 de abril de 2022.- O portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que os socialistas “esixan en Galicia unha modificación da ratio de persoal nas residencias de maiores, mentres o seu Goberno en Madrid nos pide que negociemos unha ratio común para toda España”.
No debate dunha moción do PSdeG sobre o conflito laboral vivido nas residencias privadas, Alberto Pazos lamentou que “perderan unha ocasión perfecta para retirar esta iniciativa” logo de que se desconvocara a folga e lembrou que “a Xunta non interveu onde non pode nin debe, respectou as funcións do Consello Galego de Relacións Laborais e garantiu o benestar dos usuarios das residencias”. “A folga se solucionou polos cauces legais establecidos”, dixo.
“Os socialistas só acertan cando rectifican”, manifestou o portavoz popular, quen lles demandou que “ou deixan de pedir máis recursos para as prazas concertadas con residencias privadas ou deixan de acusarnos de favorecer ás residencias privadas”. “Non pode acusarnos de empobrecer e enriquecer ao mesmo tempo a estas residencias”, subliñou.