Santiago, 7 de abril de 2022.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, lamentou hoxe a “inorportunidade” do BNG ao demandar hoxe no Parlamento galego a xubilación anticipada de profesionais sanitarios “cando un dos problemas máis graves que sofre a sanidade pública é o déficit de profesionais”.
“Cando os sistema sanitario galego, español e europeo nos está demandando máis profesionais, non podemos abordar neste momento a xubilación anticipada”, subliñou Encarna Amigo, quen apuntou que “está pendente o desenvolvemento por parte do Goberno de España do rexistro de profesionais que nos permita detectar as necesidades dos sistema e así facer unha planificación da formación de futuro que garanta a renovación xeracional en todas as categorías”.
EN GALICIA ESTASE CUMPRINDO
A portavoz popular avogou por “coñecer cal é o estado e nivel de recursos humanos do sistema sanitario español para poder prescindir de profesionais que contan cunha enorme experiencia”.
Amigo explicou que “en Galicia estase cumprindo co acordado e neste momento atópase en elaboración o Plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria, onde se contará cos datos sobre xubilacións neste nivel asistencial para poder planificar a dotación de prazas para o futuro e tamén o número de profesionais en formación que precisaría Galicia”. “Pero para isto, é preciso contar cun marco global como é o rexistro nacional”, dixo.
En definitiva, a portavoz popular manifestou que a xubilación anticipada do persoal sanitario “só tería sentido se vai acompañada co suficiente persoal de substitución e cun incremento importante do número de persoal formado, contando ademais con que a formación dura cando menos catro anos”.