Santiago, 11 de abril de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, acompañado dos deputados populares pertencentes á Comisión de Cultura do Parlamento galego, visitaron esta mañá o Consello da Cultura Galega, onde mantiveron un encontro coa presidenta desta entidade, Rosario Álvarez, e membros da súa Comisión Executiva. Previamente, Puy solicitou ao Goberno central a posta en marcha dun PERTE para o sector cultural, que permita impulsar unha cultura mellor, máis fortalecida e que contribúa á transformación económica e emocional da sociedade; así como a creación de medidas que favorezan o acceso a formatos dixitais de obras en galego e fomentar a lectura dixital de calidade.
Pedro Puy, que estivo acompañado polos deputados populares integrantes da Comisión de Cultura no Parlamento galego, salientou que a cultura consolidouse, ao longo dos máis de 40 anos de autonomía, como “un piar da autonomía galega, impulsando a súa aportación económica ao PIB de Galicia”.
GALICIA, A PRIMEIRA EN APROBAR UN PLAN CULTURAL
Porén, sinalou que a chegada da pandemia da Covid-19 provocou unha paralización desta evolución cultural. “Galicia foi a primeira comunidade autónoma en aprobar un Plan de reactivación específico para o sector cultural, deseñado en colaboración co sector e que permitiu atender as necesidades dun sector que se viu especialmente afectado pola crise sanitaria”, engadiu.
Este plan deu os seus froitos e, segundo os datos recollidos no Observatorio da Cultura elaborado polo propio Consello da Cultura Galega, Galicia situouse como unha das catro comunidades autónomas nas que aumentou o número de empregados no sector cultural nos últimos anos (superando o número de traballadores de 2019), destacando tamén o aumento do ritmo de creación de empresas.
Porén, o portavoz popular lamentou que o Goberno de España mantivo a cultura nun segundo plano, sen unha política activa a favor dela e sen propostas específicas”. Deste xeito, considerou “necesario, e así o temos feito a través dunha proposición non de lei que rexistrada no Parlamento galego, que o Goberno de España elabore un Proxecto Estratéxico para a Recuperación e a Transformación Económica para o sector cultural, tal e como xa o ten solicitado o propio Goberno galego, que favoreza aspectos claves como a mellora da competitividade e a sustentabilidade do sector”.
SÓ 30 DE 1.100 MILLÓNS PARA AS LINGUAS COOFICIAIS
Pedro Puy lembrou o anuncio feito o pasado mes de marzo polo Goberno de Pedro Sánchez de creación dun PERTE denominado Nueva Economía da Lingua, que prevé mobilizar 1.100 millóns de euros, nun proxecto público-privado, para maximizar o valor do castelán e as linguas cooficiais no proceso de transformación a nivel mundial. “Preocúpanos que do monto global de investimento deste PERTE, só se pretendan destinar 30 millóns de euros ás linguas cooficiais de España”, sinalou.
Outra das cuestións avanzadas polo portavoz do Grupo Popular foi a solicitude dun impulso da dixitalización do conxunto de empresas e sectores da cultura galega, de xeito que poidan desenvolver desde o ámbito dixital toda a súa actividade. Así, dixo que “temos a oportunidade de que Galicia se converta nun polo de desenvolvemento e de emprendemento en todas as áreas culturais, para o que consideramos oportuno que a Xunta poña en marcha novas medidas que favorezan o acceso a formatos dixitais de obras en galego e fomentar a lectura dixital de calidade”.
AS COUSAS VANSE FACER BEN
Cuestionado sobre a sucesión de Alberto Núñez Feijóo, Pedro Puy considerou que o mecanismo “máis apoiado e razoable é a celebración dun Congreso”.
Neste sentido, amosouse convencido de que “as cousas vanse facer ben e preservando a estabilidade política”, ante o que reiterou que o grupo parlamentario “está a disposición do que decidan os órganos pertinentes democráticos do PPdeG sobre estas cuestións”. “Confiamos que se manteña a estabilidade e a tranquilidade para poñer en marcha os mecanismos parlamentarios”, sinalou.