Participou no encontro dos presidentes de goberno das CC.AA. do Partido Popular coa candidata á Presidencia do PP de Madrid, Isabel Díaz Ayuso
O presidente autonómico Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o modelo de “política á galega”, que pon aos cidadáns por diante de todo; que fai das institucións lugares de encontro de todos; que está centrada en crear emprego, na sanidade e na educación e en atraer investimentos, así como próxima aos problemas e á vida da xente.
“Unha política en positivo: para achegar, para unir, para mellorar e para serenar”, dixo, aseverando que esta é a política que segue facendo falta en Galicia e “a que urxe en España”.
Durante a súa participación no encontro dos presidentes de goberno das comunidades do Partido Popular coa candidata á Presidencia do PP de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, Rueda asegurou que o Goberno galego que encabeza non vai contribuír ao barullo e a irresponsabilidade, tan frecuente na política do noso país.
“O Executivo galego non vai facer ruído innecesario, vai achegar ao interese xeral de España, con lealdade e con argumentos. Non vai utilizar cada problema, proxecto ou debate para dividir á súa xente, vai velar pola unidade. Non vai menoscabar a credibilidade do noso país, nin das nosas institucións -empezando pola Coroa-. Non vai facer unha política desde a trincheira, vai mirar a todos. E non imos consentir que nos dean leccións de bo español ou de bo galego, porque exercemos de ambos con orgullo, ademais de ser europeos”, resaltou.
Dicir si a unha Galicia mellor, ás familias, ao traballo e ao seu futuro
Nesta liña, asegurou que aínda que a oposición votou en contra da súa investidura, “nós dirémoslle si a unha Galicia mellor, ás familias, ao traballo e ao seu futuro”. Sobre este punto, destacou o seu compromiso cunha Galicia solvente e capaz de baixar impostos, como proba a primeira decisión do novo Goberno que preside de rebaixar o IRPF. Cunha comunidade líder en automoción, téxtil e sector primario, capaz de atraer investimentos, como unha nova planta de fibras téxtiles a partir da madeira; cunha mellor sanidade -coa incorporación, por exemplo, de tres vacinas ao calendario infantil-; e cunha mellor educación, potenciando a Formación Profesional e financiando como nunca a universidade, consolidándoa como a máis accesible de España.
Así mesmo, lembrou que a Comunidade galega estreará este ano a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos. “E diremos si a unha Galicia cun rural aínda máis próspero, máis innovadora e máis atractiva e acolledora, neste segundo Ano Santo”, engadiu.
Tras incidir en que dicir si a Galicia é dicir tamén si a unha España mellor; “e os españois merecen máis que un Goberno desnortado, ineficaz e rendido aos seus socios”; Alfonso Rueda trasladou o orgullo de sumarse ao elenco de presidentes autonómicos do Partido Popular, que encarnan un modelo de goberno “coa cabeza na xestión e os pés na terra”, e que xa é “marca PP”.
Rueda concluíu a súa intervención felicitando aos compañeiros do PP de Madrid e, especialmente, á candidata á Presidencia, Isabel Díaz Ayuso. “Co alcalde e peregrino Almeida en Cibeles e a presidenta Ayuso en Sol, temos garantido un Madrid con ganas: con ganas de facer unha Comunidade máis próspera e puxante, con ganas de ser máis libre e de achegar un cambio de goberno necesario no Goberno da Nación”, sentenciou.