Santiago, 25 de maio de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se apoia o Manifesto pola seguridade xurídica do planeamento territorial e urbanístico asinado por 14 gobernos autonómicos no marco do Encontro Xacobeo 21-22 por un urbanismo responsable e que, entre outras medidas sinala a necesidade de que o Goberno central impulse medidas lexislativas para ofrecer maior seguridade xurídica e, en particular, promover solucións á problemática á que se enfrontan os concellos no momento no que se anulan os seus instrumentos de ordenación.
A deputada popular Marisol Díaz Mouteira considerou “necesario dotar de seguridade xurídica ao ámbito da ordenación do territorio e mailo urbanismo, fronte ao incremento exponencial dos casos de nulidade dos planeamentos derivados de vicios formais, sen contido determinante sobre os obxectivos do plan e que se poderían resolver con sinxelos procedementos”.
Neste sentido, apuntou que “son cada vez máis numerosas as declaracións de nulidade radical do planeamento territorial e urbanístico, que están a converter as normas de desenvolvemento nun instrumento feble e pouco fiable”. En concreto, lembrou os casos de Vigo, Ourense, Gondomar, Rábade, Melón, Abegondo, Verín, Monterrei, Boqueixón ou Muxía, entre outros, e dixo que “se non procuramos unha solución seguro que moitos máis concellos iranse sumando á lista de casos de anulación radical do planeamento”.
SITUACIÓN DISTINTA NOUTROS PAÍSES
Díaz Mouteira explicou que este problema non afecta unicamente a Galicia xa que o Tribunal Supremo tira de xurisprudencia e mantén a nulidade do planeamento sen admitir subsanacións, convalidacións nin conservación de trámites. Porén, dixo que “en países da nosa contorna, como Francia, Italia ou Alemaña, xa se deron conta de que había que primar o principio de conservación dos plans e a subsanación dos erros e vicios, e agora nestes países a excepción é a nulidade radical dun plan”.
Para rematar, a deputada popular salientou o consenso existente arredor deste manifesto, xa que conta co apoio de 13 comunidades autónomas, así como das cidades autónomas de Ceuta e Melilla; as catro deputacións galegas; e a Federación Galega de Municipios e Provincias; ademais de colectivos como o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Asociación de Arquitectos Urbanistas ou o Pleno do Consello Superior de Arquitectos de España