O presidente do PPdeG subliña no XII Xantar da zona rural de Lugo que Galicia é “unha comunidade de 313 concellos, con catro provincias, sete cidades, pero sobre todo con miles de parroquias, que son a súa alma”
O Presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, salientou hoxe o reto que se marca a súa formación no rural galego: “Conseguir que calquera persoa, viva onde viva, teña servizos que lle permitan realizarse, establecerse onde quere, dicir que quere formar un familia ou decidir o tempo que desexe pasar alí”.
Rueda participou no XII Xantar da zona rural do concello de Lugo, onde deixou claro que “un galego ten dereito a todos os servizos viva onde viva”. “Está moi ben fixarse nos sitios onde hai máis xente, pero onde hai menos, pero hai xente que quere vivir, hai que darlle todo o fundamental”, incidiu.
Por este motivo, sinalou que o que fai o PPdeG é “atender ao rural con feitos e non demagoxias nin fotografías”, lembrando medidas como as casas niño, os impostos cero ou a construción de centros de saúde nestas zonas.
“Somos unha comunidade de 313 concellos, con catro provincias, sete cidades, pero sobre todo con miles de parroquias, que son a súa alma”, subliñou o Presidente, tendo en conta que para o seu partido “non son as cidades por un lado e o resto de concellos por outro”.
MOITOS ‘MANOLOS’
No Xantar tamén participaron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; a Presidenta Provincial, Elena Candia; e o Presidente da Xunta Local, Ramón Carballo, entre outros cargos autonómicos, estatais e locais. No mesmo, rendeuse homenaxe a título póstumo a Manuel López, exconcelleiro do PP de Lugo, máis coñecido como Manolo do rural.
Rueda lembrouno como “unha persoa moi especial” e reivindicou estar “contento” de que o PPdeG teña “moitos Manolos no rural e en moitos sitios”, pois son “parte do sustento e a razón de ser do partido”. “Hai que ser do PP e levalo no fondo do corazón”, dixo.
Por último, no que respecta ás eleccións municipais, apuntou a que “non valerá de nada quedar a un puñado de votos, como pasou no Concello ou na Deputación de Lugo —en 2019—. “Só nos vale gañar. Dependemos de nós mesmos e non hai mellor aliado que ese”, concluíu.