Santiago, 9 de xuño de 2022.- A Comisión 2ª do Parlamento de Galicia aprobou hoxe o ditame do proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, co que este novo texto lexislativo queda pendente da súa aprobación definitiva en sesión plenaria. “Esta nova lei ofrecerá a todos os galegos un novo instrumento público 100 por cento para dar un mellor servizo público no ciclo integral da auga”, sinalou o deputado popular José Manuel Rey.
Na súa intervención, Rey lembrou que Galicia xa conta cunha Lei de garantía de abastecemento “e agora queremos dar un paso máis, única e exclusivamente, para axudar aos concellos que así o desexen voluntariamente poñendo á súa disposición un instrumento para que poidan xestionar con maior eficacia e eficiencia o ciclo integral da auga, no que se refire a abastecemento, saneamento e depuración”.
INSTRUMENTO MÁIS EFICIENTE E EFICAZ
“Esta lei é froito da demanda constatada polos concellos de maior colaboración nun tema que é da súa competencia”, sinalou o deputado popular, quen salientou que “é froito dun intenso traballo técnico”.
En concreto, explicou que para a súa elaboración estudáronse as fórmulas de xestión doutras comunidades autónomas e provincias; os problemas dos concellos e as diferentes fórmulas de xestión que utilizan en base á súa autonomía; ou os prezos que se pagan en cada concello galego pola xestión do ciclo integral da auga.
“Todo isto buscando un instrumento máis eficiente e eficaz que, coas economías de escala e a innovación, permita pagar o mínimo obtendo un servizo público de calidade”, asegurou.
Para rematar, José Manuel Rey tamén saudou que “foi unha lei moi participativa na súa tramitación parlamentaria” e apuntou que se aceptaron directamente 12 emendas dos grupos da oposición e se transacionaron outras 14 emendas para un total de 80 artigos que compoñen este texto lexislativo.