A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, solicita ao Goberno central que “habilite medidas efectivas” para que encher o depósito de gasolina “non sexa un auténtico luxo”.
“O combustible está en máximos históricos e os galegos sófreno cada vez que acoden a unha estación de servizo”, lamenta Paula Prado, que esta semana mantivo unha reunión co presidente da Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes), Julio López, para coñecer as inquedanzas do sector.
A secretaria xeral considera que encher o depósito é “unha necesidade” para moita xente, tanto a nivel laboral como persoal, polo que “o Goberno de Sánchez ten que esforzarse en reverter esta situación”.
Tamén valora o “gran traballo” das estacións de servizo galegas, que “malia as incertezas e a tensión do mercado” seguen a ser “unha referencia” tanto a nivel medioambiental como tecnolóxico. “A situación de incerteza dos traballadores deste sector e das súas familias ten que rematar”, engade.
Así mesmo, sinala que “a transición enerxética desordenada do Executivo central provocou que aínda que en 2008 o prezo do barril de Brent era maior ao de agora, neste momento o custo dun litro de combustible é moito máis alto que o de entón”, algo que contrastou co presidente de Fegaes. “Unha vez máis, a súa mala xestión inflúe no peto dos cidadáns”, di.
Na mesma liña, Paula Prado apunta que a isto se suma un prezo de luz e do gas “disparados”, con promesas do Goberno de hai dous meses e medio que “non se fixeron efectivas” xa que aínda acaba de obter o visto bo da Unión Europea despois de moitos anuncios e prazos incumpridos. “Ademais, a inflación segue aumentando e fai que cada día custe máis facer a compra de produtos básicos”, subliña.
POLÍTICA ENERXÉTICA “IRRESPONSABLE”
A secretaria xeral asegura que “España leva meses vivindo as consecuencias dunha política enerxética irresponsable” e, mentres tanto, o Goberno “bateu récords de recadación tributaria, o cal non é de recibo”.
A isto engádese, segundo apunta, o problema diplomático con Alxeria, que aquí en Galicia “afecta a un cento de empresas fundamentalmente do eido agroalimentario, da automoción, dos produtos minerais ou do forestal, sectores estratéxicos da economía da Comunidade”.
Por todo isto, conclúe que o Goberno central “carece dunha estratexia que permita garantir a familias, pemes, autónomos e a todo o tecido empresarial e industrial prezos estables e, polo tanto, que evite que se sigan a bater en España máximos históricos e subas descontroladas”.