Santiago, 13 de xuño de 2022.- O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, amosou hoxe a “intranquilidade e preocupación” que deixou no PPdeG a visita que a vicepresidenta do Goberno de España, Nadia Calviño, fixo o pasado venres a Galicia, xa que “fuxiu de concretar cifra algunha de fondos europeos para proxectos como o de Stellantis ou Altri a pesar de recoñecer que o plan de recuperación estaba feito para Galicia”. Deste xeito, urxiu que o Presidente do Goberno reciba ao Presidente da Xunta para confirmar e fixar cantidades e prazos de concesión dos fondos europeos que se destinarán á Comunidade galega, de xeito os impulsores destas iniciativas industriais poidan avanzar na súa elaboración.
?A visita da vicepresidenta do Goberno incrementou a nosa preocupación pola concesión de Fondos Europeos a Galicia a proxectos como Stellatis ou Altri,para avanzar cantidades e prazos sería fundamental que @sanchezcastejon atendera a solicitude de @AlfonsoRuedaGal @pazos_alberto pic.twitter.com/bHC4yB9PIR
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 13, 2022
Alberto Pazos lamentou que a visita da vicepresidenta do Goberno de España “o único que fixo foi incrementar a nosa preocupación polo apoio que o Goberno de Pedro Sánchez poida dar, a través da concesión de fondos europeos, a proxectos como o de Stellantis ou Altri”, polo que agardou que “non nos volva a sorprender con outra das súas inexplicables decisións políticas e anuncie importantes investimentos noutras comunidades máis amigas que Galicia, deixándonos, unha vez máis, sen uns fondos europeos vitais para a recuperación económica e industrial na nosa comunidade”.
Pedimos transparencia, axilidade e un trato xusto e equitativo para Galicia e para o conxunto das comunidades autónomas”, demandou o viceportavoz popular, para quen “sería interesante que os socialistas galegos defenderan os intereses da nosa Comunidade e traballaran de verdade na ‘defensa dos proxectos solventes para Galicia’, como ben dixo o seu secretario xeral esta fin de semana”. “Estamos convencidos de que a súa posición ‘clara e rotunda’ a favor dos proxectos de Stellantis e Altri sería un gran apoio para que os seus compañeiros no Goberno de España decidiran finalmente apoialos de forma clara e precisa”, apuntou.
NOVOS DEPUTADOS DO GRUPO POPULAR
Respecto da sesión plenaria que se celebra esta semana, o viceportavoz popular saudou aos dous novos deputados do Grupo Popular, Fernando Pérez Domínguez e María Belén Salido Maroño, que substitúen a Alberto Núñez Feijóo e Miguel Tellado Filgueira.
?️Salienta @pazos_alberto a comparecencia a petición propia do conselleiro de Sanidade no @Par_Gal que amosa a transparencia e a seriedade, realismo e diálogo da @Xunta para afrontar o problema de médicos fronte a actitude demagóxica e as solucións irrealizables da oposición pic.twitter.com/CHRSMpUp8K
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 13, 2022
Así mesmo, lembrou que terá lugar a comparecencia do conselleiro de Sanidade para informar sobre as medidas desenvoltas e das futuras actuacións previstas na atención primaria ante a situación de déficit de especialistas en medicina de familia. “Trátase dunha comparecencia a petición propia, que se acumula a outra solicitude do BNG e que demostra a transparencia coa que a Xunta afronta este problema de falta de médicos, fronte a demagoxia coa que tanto BNG como o PSdeG están a manexar este problema, con propostas de investimentos en sanidade totalmente irrealizables dada a situación económica actual”.
“Desde o Goberno galego estase a afrontar esta situación da maneira máis realista e con transparencia, como o demostra a reunión que mañá celebrarán responsables da Consellería de Sanidade con internistas na busca de solucións para cubrir todas as prazas vacantes”, apuntou.
Respecto das proposicións non de lei, Alberto Pazos lembrou que o Grupo Popular reiterará a súa solicitude para que o Goberno de España cubra as vacantes existentes na Unidade de Policía Adscrita á Xunta de Galicia, que na actualidade só conta con 367 axentes dos 500 previstos no cadro de persoal.
Esta iniciativa coincide co anuncio feito a pasada semana polo propio ministro de Interior de que está previsto a convocatoria dun concurso específico para cubrir estas prazas, pero sen máis información. Porén, Pazos considerou “irónico que o ministro fale de cooperación policial nun acto en Galicia do que non se comunicou e ao que non se convidou á representante algún da Xunta”.
PROTECCIÓN AMBIENTAL EÓLICOS
En segundo lugar, o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei pedindo ao Goberno central que non aplique os criterios recollidos no Real Decreto-Lei 6/2022 que elimina o procedemento de avaliación ambiental, o trámite de información pública e as peticións de informes sectoriais para a construción de determinados parques eólicos. “Resulta paradoxal que o Goberno de Pedro Sánchez pretenda axilizar a tramitación dos seus proxectos eólicos a costa de eliminar trámites esenciais, como a información pública ou a consulta pública dos órganos competentes, acurtando prazos para o exame por parte das comunidades autónomas”, dixo.
Ademais, explicou que este Real Decreto-Lei non se axusta nin á normativa ambiental comunitaria nin á distribución de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas, xa que a vixente Lei de avaliación ambiental establece que os proxectos eólicos que superan determinados limiares deben ir a avaliación ordinaria por ter repercusións significativas para o medio ambiente.
“Coa nova regulación, o Ministerio para a Transición Ecolóxica pode concluír, mediante un informe, que os proxectos eólicos non teñen repercusións ambientais unicamente coa análise da documentación presentada polo promotor, prescindindo de toda información pública ou das alegacións das persoas interesadas, e sen consulta das administracións que teñen competencias sectoriais afectadas”, manifestou.