Santiago, 14 de xuño de 2022.- O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta transferirá este ano aos concellos galegos 488,5 millóns de euros, seguindo os principios de legalidade, igualdade de trato e transparencia, “como sempre se fixo desde que goberna o PPdeG”.
Así mesmo, lembrou que “existe un acordo para blindar a cooperación local no marco da nova Lei da Administración Local de Galicia, supeditado á aprobación previa do novo sistema de financiamento por parte do Estado”.
Alberto Pazos lamentou que BNG e PSdeG “cuestionen a contía do Fondo de Cooperación Local da Xunta, a pesar de que o estableceron cando gobernaban e se corresponde á porcentaxe do 2,3 por cento da recadación líquida dos capítulos I, II e III dos orzamentos de Galicia”. Neste sentido, subliñou que este fondo “mantívose ao longo dos anos, a pesar das baixas de orzamentos que se viviu nas épocas da crise económica”.
DETERMINAR OS GASTOS ASUMIDOS
Na súa intervención, o viceportavoz popular manifestou que “para que cada Administración asuma a financiación das súas competencias será preciso determinar que gastos están asumindo a maiores os concellos e que gastos está asumindo a maiores a Xunta”. Así, lembrou que a Xunta xa ten encargado un informe ao respecto á Universidade de Santiago e afirmou descoñecer a situación do documento que sobre este mesmo tema tamén anunciou a propia Federación Galega de Municipios e Provincias.
“Sorprende que teñan o atrevemento de vir a dar leccións de transparencia e calidade democrática, a pesar de que BNG e PSdeG son campións da opacidade e o sectarismo nas administracións que gobernan”, dixo Pazos.
Neste punto, considerou “máis delirante que se atrevan a sacar peito da súa xestión nas deputacións que gobernan, un modelo de caciquismo, parcialidade, opacidade e ineficacia, que deixaron de ser un instrumento de apoio aos pequenos concellos para converterse nun arma electoral de nacionalistas e socialistas”.