Santiago, 14 de xuño de 2022.- A deputada do Grupo Popular Begoña Freire insistiu hoxe no Pleno do Parlamento galego na demanda ao Goberno de España para que convoque a Comisión mixta de transferencia para impulsar o traspaso a Galicia da autoestrada AP-9 e da ordenación do dominio público marítimo-terrestre como cuestións prioritarias xa acordadas polo Goberno galego coas forzas con representación no Parlamento de Galicia.
Begoña Freire manifestou que “queremos avanzar na defensa do noso autogoberno de acordo cun plan ordenado e establecendo prioridades”. Así, sinalou que, “en primeiro lugar, seguiremos na loita por un financiamento xusto; despois, que se cumpran os compromisos coas infraestruturas pendentes con Galicia; en terceiro lugar, que se apoie ao noso tecido industrial e produtivo e deixen de poñer en risco o emprego e o futuro de milleiros de familias e traballadoras en Galicia; e, por último, que aposten por unha mellora dos servizos públicos do Estado en Galicia: dependencia, xustiza, seguridade, servizos sociais ou cultura e turismo, en particular o Xacobeo”.
“Non imos aceptar ningunha nova competencia se non vén dotada do financiamento necesario”, asegurou a deputada popular.
Freire cualificou de “prioritarias” as transferencias da AP-9 e das competencias no dominio marítimo-terrestre. Respecto da autoestrada, sinalou que “o seu potencial ten que reverter en beneficio exclusivo dos galegos e iso implica que a transferencia veña acompañada da dotación económica e técnica necesaria para a súa xestión en condicións óptimas”.
LAVADO DE CARA DO BNG
“Semella que os nacionalistas traen hoxe ao Parlamento galego esta proposición non de lei sobre a transferencia da AP-9 tentando lavar a súa mala conciencia, despois de constatar que o respaldo ao Goberno de Pedro Sánchez, case dous anos e medio despois non xerou ningún froito”, manifestou.
Respecto da tramitación da proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 iniciada no Congreso en decembro de 2019, Begoña Freire lamentou que desde que no mes de setembro de 2021 se constituíra a ponencia non se volveu a reunir, “unha circunstancia claramente anómala que mesmo levou a semana pasada ao Grupo Popular do Congreso a dirixirse á Mesa da Comisión para que, con carácter inmediato, convocara a ponencia para elaborar o informe e rematar coa inxustificable paralización e obstaculización, ademais da vulneración do procedemento”.
Así mesmo, demandou aos socialistas “unha explicación polas emendas presentadas no Congreso a esta proposición de lei, que representan unha renuncia explícita a que esta infraestrutura sexa plenamente galega, o que supón limitar o traspaso á explotación sen ningunha capacidade sobre a xestión”.