Santiago, 15 de xuño de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno que non aplique os criterios do Real Decreto-lei 6/2022 para eliminar, en determinados parques eólicos de ata 75 MW, o procedemento de avaliación ambiental, o trámite de información pública e as peticións de informes sectoriais que permiten unha axeitada tramitación ambiental.
“Están cambiando vía decretazo as regras de xogo, introducindo a medida dun informe de afeccións sen información nin consulta pública, e sen o criterio da comunidade autónoma onde se vai instalar o parque eólico”, sinalou a portavoz popular de Enerxía, Marta Nóvoa.
Marta Nóvoa explicou que o Goberno central publicou o pasado 30 de marzo no BOE o Real Decreto-Ley polo que se adoptan medidas urxentes no marco denominado como Plan Nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais do conflicto bélico en Ucraína, no que, no seu artigo 6, se elimina a norma básica de avaliación ambiental para os parques eólicos de competencia estatal e ata 75 MW, substituíndoa por un informe de afeccións ambientais.
MERO INFORME
“Con esta nova regulación, o Ministerio de Transición Ecolóxica pode determinar mediante un mero informe que os proxectos eólicos non teñen repercusións ambientais unicamente tras analizar a documentación presentada polo promotor, prescindindo para elo de toda información pública das alegacións das persoas interesadas e sen consulta das administración que teñen competencias sectoriais afectadas”, apuntou.
Ademais, engadiu que “unha vez que o Ministerio elabora o seu informe e llo pasa ao órgano ambiental da comunidade autónoma, dáselle un prazo de 10 días para responder”. No caso de que non o faga neste prazo de tempo, o silencio estimarase favorable a prescindir da avaliación ambiental. “Todo un despropósito que non ten xustificación de ningún tipo, para o seu trámite por urxencia vía decretazo”, lamentou.
A portavoz popular criticou que, “despois de ter que aguantar o ataque inxustificado ao Goberno galego con cada parque eólico, chegando a chamarnos depredadores do medio ambiente, temos que ver como BNG e PSdeG votan si no Congreso a un Real Decreto-Lei que, pola vía de urxencia e excepcionalidade, elimina a tramitación ambiental de certos parques eólicos, incumprindo a propia Lei básica de avaliación ambiental”.
Ademais, centrándose no BNG, Marta Nóvoa afirmou que “imaxinaba ao BNG coa pancarta preparada, esta vez contra o Goberno de Pedro Sánchez, pero non o fixeron porque se creron de novo as súas promesas”. “Resulta sorprendente a paradoxa dun BNG belixerante en Galicia contra o sector eólico, pero sumiso en Madrid co Goberno socialista”, indicou.