Santiago, 16 de xuño de 2022.- O deputado popular Alberto Pazos salientou lembrou hoxe no Parlamento galego que a Xunta ofertou as tres vacantes sanitarias existentes en Moaña “e hoxe ten máis solicitantes que prazas, polo que se cubrirán en canto remate o proceso de selección, o máis breve posible de cantos eran posibles a pesar da oposición amosada polo BNG e o PSdeG no Parlamento á creación da categoría de facultativo especialista de atención primaria”.
Alberto Pazos explicou que a Xunta creou a categoría de facultativo especialista en atención primaria, regulou o seu acceso a través dun concurso de méritos e ofertou as prazas vacantes de Cangas e Moaña. “A pesar de que tanto BNG como o PSdeG rexeitaron no Parlamento esta proposta, hoxe podemos comprobar cales foron os avances realizados tanto pola Xunta como polos concellos”, apuntou.
Así, afirmou que as tres prazas de tarde vacantes en Moaña serán cubertas no menor prazo de tempo posible en canto remate o proceso de selección, xa que existen máis solicitudes que prazas ofertadas.
Pola contra, criticou que “seguimos sen ter os terreos para construír o Centro Integral de Saúde de Cangas nin para o novo centro de saúde de Moaña, para o que a Xunta xa ten aprobado o proxecto básico e solicitada a licenza de obras”.
Por este motivo, o deputado popular sinalou que “se BNG e PSdeG puxesen o mesmo interese en xestionar os concellos nos que gobernan para facilitar os terreos necesarios para estas novas infraestruturas sanitarias que en manifestarse, a sanidade do Morrazo xa tería mellorado e os seus veciños beneficiaríanse destas melloras”.