Piden que se dea marcha atrás a unha proposta que deixa a máis de 136.000 cidadáns sen parada na Comunidade e que profunda no abandono do rural
Os deputados no Congreso Celso Delgado, Ana Vázquez, Ana Pastor, Diego Gago, Javier Bas, Juan Constenla, Jaime de Olano, Joaquín García, Marta González, Tristana Moraleja e María Valentina Martínez preguntaron ao Ministerio de Transportes se rectificará e retirará o seu novo mapa concesional das liñas de autobús estatais, así como se convocará de forma urxente unha Conferencia Sectorial para debater coas Comunidades sobre o malestar provocado con esta proposta do Goberno de Pedro Sánchez.
Os parlamentarios, que presentaron estas dúas cuestións ao Executivo central e das que desexan obter resposta por escrito, cualifican este novo mapa concesional como “nefasto e inaceptable”. Como indican, “maltrata” a nosa Comunidade e deixa a máis de 136.000 cidadáns sen parada, elimina 76 servizos interiores, obriga a moitos galegos a facer transbordos e afecta a máis de mil tráficos de longo percorrido.
Galicia xa trasladou ao Ministerio que a proposta presentada polo Goberno é “un auténtico despropósito” que profunda no abandono do rural e que, baixo a escusa de que só prestan servizos de carácter interautonómico, suprime tráficos dentro da propia Autonomía que si se prestan na actualidade.
Este recorte drástico afectaría en Galicia a 23 municipios: Allariz, Ribadavia, A Rúa, Riós, Trasmiras e A Mezquita en Ourense; A Pontenova, As Nogais, Baralla, Chantada, Meira, Monterroso, Guitiriz, O Corgo, Pedrafita, Palas de Rei e Quiroga en Lugo; Forcarei, Lalín, Tui, Silleda e O Porriño en Pontevedra; e Melide e Arzúa na Coruña.
Cómpre sinalar que ao agravio que provoca a Galicia este mapa concesional hai que sumar tamén o anteproxecto de Lei de mobilidade sustentable que impulsa o Goberno de Pedro Sánchez, un texto que utiliza criterios exclusivamente económicos á hora de establecer as obrigas de servizo público da media distancia ferroviaria e que prima a planificación urbana e metropolitana, e a rendibilidade económica da mobilidade. De novo, unha decisión que condena ao rural a unha perda radical de servizos e de conexión en transporte público.